Feminismo, democracia e xustiza social.

A conmemoración este domingo 8-M do Día Internacional da Muller transcende á mera efeméride para se situar no centro dun debate xurídico-político de primeira orde. Constitúe unha esixencia civilizatoria que o principio de igualdade, común no Dereito constitucional europeo non devale nunha sorte de nominalismo baleiro. O feminismo hoxe non é só unha vindicación de parte, senón o alicerce sobre o que debe pivotar a resistencia fronte á involución autoritaria e á barbarie.

A erradicación da violencia machista esixe unha estratexia integral que comeza na raíz: unha educación na escola e na familia que non se limite a enunciar valores, senón que desmonte a estrutura simbólica da dominación. Porén, onde o Estado de Dereito xoga a súa credibilidade é no eido xurisdicional. Resulta imperativo que a carreira xudicial incorpore, dun xeito dogmático e operativo, a perspectiva de xénero como criterio de hermenéutica xurídica. Non falamos de crear un privilexio procesual nin moito menos de cuestionarmos a presunción de inocencia que alicerza o noso Dereito Penal, senón de dar cumprimento ao mandato de «dilixencia debida» que esixen os tratados internacionais, como o Convenio de Istambul. Unha xustiza que ignora as relacións asimétricas de poder no iter criminal ou nos procesos de familia non é imparcial, senón que incorre nunha cegueira que revitimiza á muller a través de estereotipos patriarcais aínda latentes nalgúns sectores do estamento xudicial.

Dende unha óptica autocrítica, os homes debemos recoñecer un fracaso clamoroso tanto no acompañamento vital como na propia proactividade fronte á violencia machista. Existe unha persistente asimetría na xestión do doméstico que supón unha externalización de custos cara ás mulleres. A falla de corresponsabilidade real xera unha sobrecarga que estrangula o tempo propio e a saúde das mulleres. Esta omisión non é un asunto privado, senón unha cuestión de xustiza distributiva que as políticas públicas haberían axudar corrixir.

“Dende unha óptica autocrítica, os homes debemos recoñecer un fracaso clamoroso tanto no acompañamento vital como na propia proactividade fronte á violencia machista”

Preocupa, paralelamente, o estancamento da presenza feminina no ámbito STEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas), na alta dirección empresarial e nos núcleos de decisión política, onde o «teito de cristal» parece hoxe reforzado por unha inercia conservadora que penaliza o talento en prol de vellas inercias de cooptación masculina. Malia que seica están a medrar en contactos e influencia as redes de mulleres profesionais e emprendedoras, conscientes da necesidade de compensar eses mecanismos informais de cooptación masculina.

Mais a urxencia central radica naquelas que habitan as periferias do sistema. Refírome á situación das mulleres migrantes, que sosteñen sobre os seus ombreiros o noso precario sistema de benestar. Cómpre por o foco na dignificación xurídica e laboral de dous colectivos clave: as empregadas do fogar (contratación directa) e as traballadoras dos Servizos de Axuda no Fogar (SAF), de titularidade municipal. Mentres as primeiras seguen agardando pola plena efectividade do Convenio 189 da OIT para equiparar os seus dereitos prestacionais, as segundas sofren a precarización derivada do infrafinanciamento culpábel da Xunta e do Goberno do Estado a estes servizos municipais. Son elas as que cargan cos traballos físicos máis esixentes de coidado a persoas dependentes, nunha sorte de invisibilidade social que os Dereitos Laboral e Administrativo han combater con urxencia. A súa vulnerabilidade é a medida da nosa propia deshumanización.

“Mais a urxencia central radica naquelas que habitan as periferias do sistema. Refírome á situación das mulleres migrantes”

En último de contas, cómpre vincular o feminismo cos valores do pacifismo e a democracia radical. Fronte ao auxe da extrema dereita, do imperialismo belicista e das pulsións fascistas, o feminismo (como o soberanismo democrático) eríxese como un moi eficaz dique de contención. Non hai democracia, nin igualdade nin respecto polos dereitos humanos baixo o signo do autoritarismo ou da guerra. Neste 2026, o compromiso galego coa igualdade ha ser tamén un compromiso coa paz e cunha orde internacional baseada no respecto escrupuloso á dignidade de todas as mulleres, sen distinción de orixe ou clase.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.