Feliz Nadal e Próspero Aninovo.

Levamos meses co tema catalán no almorzo cada mañá. Hoxe deu comenzo a campaña para as eleccións previstas para o vindeiro día 21 deste mes de Nadal. As enquisas din que os resultados pouco van cambiar; que os nacionalistas que optan pola independencia de Cataluña do resto do Estado volverán a ter un importante respaldo popular.

Eu non vou entrar a facer valoracións nin dar opinións sobre este asunto que, como xa dixen máis arriba, está demasiado tratado e maltratado na maioría dos casos. Soamente me atrevo a facer algunhas preguntas que, como nos dicía o catecismo do Padre astete, “doutores ten a Santa Madre Iglesia (neste caso serían os gurús da política os que nos deben responder”. O que si sei é que logo do día 21 se as cousas quedan como estaban, e aínda que non sexa exactamente igual, alguén terá que coller o touro polos cornos e dar unha saída seria, razonable, política, que non visceral, ao tema de Cataluña.

Hoxe, coas Festas do Nadal ás portas, cos grandes almacéns preparados para munixrinos un chisco máis do que xa veñen facendo todo ano, eu quero mandarlles un abrazo fraterno a todos os lectores deste xornal e aínda aos que sen lelo poidan ser informados da miña intención que, como non pode ser doutro xeito, é froito dun desexo sincero de felicidade para todos. Deixen aos políticos por un tempo, agás os cataláns que deberán pensar e reflexionar a quen deben darlle o seu voto. Os demais temos que esperar; esperar a que os nosos políticos que din ser honrados (por favor, non se rían), capaces e que teñen as ideas claras, sexan eles os que nos ofrezan solucións, non só a Cataluña, senón tamén aos parados que non atopan traballo, aos dependentes que seguen sen solución para a súa dramática situación, aos que durante este e nos últimos anos se quedaron sen vivenda porque a banca, que lles roubou os seus aforros durante anos, rematou quedándose co seu piso; aos mozos e mozas que rematados os seus estudos non saben a que porta chamar para atopar un emprego digno, proporcional aos anos de traballo que lle dedicaron á súa formación.

Veñen anos de problemas serios, por se os que sufrimos non o foran de abondo; veñen tempos de angurias para os que non teñen máis que ofrecer que a súa man de obra e os seus coñecementos. As máquinas, nas máns dos de sempre, están expulsando os traballadores dos seus postos. Os robots turran por substituír ata os nosos pensamentos. Todo isto está chegando a toda velocidade. E os que todo o teñen , os que de nada teñen medo, seguen dirixíndonos como a frauta de Hamelin cara o río do abandono, do sufrimento, do desprezo; en poucos anos a metada da poboación non servirá para nada. Non terá nada que facer, pero tampouco ninguén se vai preocupar por saber se ten un cacho de pan que levarse á boca. Xa está ocorrendo ao noso arredor. Vexan a eses milleitros de inmigrantes vagando sen rumo e sen futuro; morrendo de fame, de enfermidades e de frío. Estes xa foron expulsados do mundo dos señores da guerra, da física e da económica. Pois en pouco tempo haberá moitos miles de cidadáns que tampouco terán onde ir, nin que facer. Non quero ser apocalíptico, menos hoxe que estamos ás portas do Nadal; por iso repito os meus desexos de que sexan felices mentras poidan.

Que pasen unhas alegres festas cos seus; aproveiten mentres os teñen consigo.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»