Sober | A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, destacou esta mañá que este curso que vén de comezar Galicia é de novo un referente a nivel nacional en materia de conciliación, coa gratuidade no primeiro ciclo de Educación Infantil e co reforzo da rede de prazas de 0 a 3. Fíxoo durante unha visita á nova escola infantil municipal de Sober, que retomou a actividade cunha aula máis para incrementar de 20 a 41 o seu número de prazas.
Fabiola García, que estivo acompañada do alcalde do concello, Luis Fernández, sinalou que as familias de Sober dispoñen este curso dunha escola totalmente renovada e, un ano máis, non terán que pagar nada pola atención educativa dos seus fillos. Así mesmo, a conselleira sinalou o impacto altamente positivo que está a ter a implantación da gratuidade para todo o alumnado de 0 a 3 anos e en todos os centros da comunidade, os públicos, privados e de iniciativa social. Unha medida que sitúa a Galicia no liderado da escolarización nesta etapa, cunha porcentaxe próxima ao 65%.
A Xunta puxo a disposición do Concello de Sober preto de 250.000 euros para mellorar e converter converter este antigo Punto de Atención á Infancia (PAI) en escola infantil. A reforma integral deste equipamento, situado no recinto do Colexio Público Virxe do Carme, incluíu a creación dunha terceira aula no antigo almacén, unha nova cociña e a mellora xeral da eficiencia enerxética do edificio.