Expourense celebra o Día de Galicia na 58ª Feira AGRO de Braga

Unha caseta promociona as súas citas nas que a cooperación transfronteiriza xoga un papel fundamental

Braga | A 58ª edición de AGRO, a Feria Internacional de Agricultura, Gando e Alimentación, que se celebra na localidade portuguesa de Braga, organizou o Día adicado a Galicia. A provincia de Ourense estivo representada polo director territorial en Ourense da Consellería do Medio Rural, José Antonio Armada; a xerente do INORDE, Emma González, e polo director xerente de Expourense, Rogelio Martínez.

En virtude dos convenios de cooperación transfronteiriza que Expourense mantén con distintas entidades do Norte de Portugal entre as que se atopa o recinto Forum Braga onde se está a celebrar AGRO, Expourense conta cun stand dende o que está a promocionar as súas vindeiras citas vencelladas ó sector primario e ó turismo e nas que o mercado portugués xoga un importante papel. Ambas as dúas entidades levan máis de dúas décadas anos colaborando para garantir a promoción dos seus recursos nos eventos organizados pola outra e que están vencellados co termalismo, a gastronomía ou o turismo activo, potencialidades que comparten as dúas áreas da Eurorrexión.

Durante a visita da comitiva oficial do día ó stand de Expourense, ofreceuse unha degustación de produtos galegos acompañados de viños da Denominación de Orixe Monterrei, entidade colaboradora de Expourense durante todo o ano. A comitiva local estivo integrada polo Vicepresidente da Cámara Municipal de Braga, Altino Bessa e polo administrador executivo da Invest Braga, Luis Rodriguez. Acompañaron a Expourense tamén na celebración deste día de Galicia os representantes da Feira Internacional de Galicia ABANCA de Silleda.

As citas que Expourense está a promocionar en AGRO estes días son: IV Salón do Vehículo Clásico, 11 e 12 de abril de 2026. TERMATALIA OURENSE, 24ª Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar do 24 e 25 de setembro de 2026. XANTAR, 27º Salón Internacional de Turismo Gastronómico do 19 a 22 de novembro de 2026.

Con esta participación en AGRO, Expourense reforza as súas relacións de cooperación transfronteiriza especialmente enfocada ao ámbito agroalimentario e ó turismo de proximidade co obxectivo de fomentar a competitividade das empresas galegas e, dun xeito especial, dos pequenos produtores ou cooperativistas. AGRO é unha cita que desenvolve un relevante papel de promoción e divulgación dos produtos e que serve de punto de encontro das empresas agroalimentarias de todo Portugal recibindo máis de 55.000 visitas en catro días.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.