Exposición en Pontevedra da artista belga Agnès Varda

Voz feminina do movemento nouvelle vague

Pontevedra | A provincia de Pontevedra tiña unha débeda con Agnès Varda desde que no ano 2018 acollese no Pazo da Cultura de Pontevedra a exposición “Variacións ao redor do mar”, unha das máis completas das realizadas sobre a gran voz feminina do movemento nouvelle vague en todo o territorio estatal.

A chegada da mostra á provincia foi posible grazas á colaboración entre a Deputación de Pontevedra, o Concello de Pontevedra e a Universidade de Vigo co Instituto Francés. A presidenta Carmela Silva e o responsable cultural da Universidade, Manuel Morquecho, presentaron o catálogo coordinado, maquetado e corrixido polos servizos de Igualdade, Comunicación Institucional e Servizos Lingüísticos da institución provincial e que se leva xestando desde o ano 2018.

A Deputación de Pontevedra remitirá exemplares do catálogo a todas as institucións involucradas e tamén á comisaria do proxecto e asistente da artista –finada en 2019–, Julia Fabry.

“Variacións ao redor do mar” foi unha exposición centrada nas paisaxes marítimas e nos rostros das viúvas do mar. Este interese polo sufrimento alleo foi unha constante na creación audiovisual e plástica da autora, que tamén pasará á historia como unha firme defensora da liberdade creativa e do cinema feminista e feito por mulleres.

A mostra compúxose de nove instalacións de vídeo, cen fotografías de distintas etapas e un ciclo de cinema, cos que a cidadanía pontevedresa e galega puido somerxerse no discurso desta artista cunha sensibilidade única que puxo a súa obra ao servizo da realidade histórica e social do momento. En definitiva, unha ocasión única para que a sociedade se achegase ao singular universo desta cineasta, fotógrafa, guionista, produtora e artista plástica.

O catálogo de “Variacións ao redor do mar” é unha ponte permanente entre o presente e o singular universo narrativo de Varda, unha figura fundamental para entender o cinema, a fotografía e as artes plásticas contemporáneas e que será lembrada pola súa enorme contribución artística e social.  Entre os seus méritos tamén salienta a creación dunha nova narrativa que mestura o documental e a ficción, e a súa dedicación a visibilizar a realidade dos colectivos más desfavorecidos da sociedade. O seu traballo valeulle o aplauso da crítica e o sector e mais o recoñecemento do público.