Expedición de DNI e Pasaporte instantáneo en Ponteareas

A través dunha unidade móbil da Policía Nacional

Ponteareas | A alcaldesa Nava Castro e o tenente de alcaldesa, Juan Carlos Glez. Carrera, visitaron hoxe xunto ao comisarío da Policía Nacional, Ramiro J. Gómez, a unidade móbil de tramitación do servizo de vehículos integrais de Documentación -VIDOC- para a expedición de documentación. Esta unidade móbil permite a expedición do DNI e do pasaporte de forma instantánea. Deste xeito evítanse desprazamentos a outros concellos e axilízase a tramitación.

Alcaldesa e tenente de alcaldesa explican que este servizo achega dúas melloras importantes. A primeira é a capacidade para emitir un documento en apenas 10 minutos, polo que a cidadanía non necesitará pasar polos tres trámites habituais ata o de agora nas unidades móbiles (un día para a pegada, un día para a impresión nunha comisaría e un día para a entrega). A segunda novidade é a posibilidade de expedir pasaportes. Este documento tramitábase ata hoxe de maneira exclusiva nas Unidades de Documentación, polo que as novas unidades móbiles facilitarán e igualarán en posibilidades aos núcleos poboacionais que non dispoñen de infraestruturas de Policía Nacional.

Deste xeito, unha vez ao mes a unidade móbil estará en Ponteareas para atender a toda a cidadanía que solicite previamente cita no número de teléfono 986 64 00 00.

Co despregamento dos vehículos VIDOC, que dispoñen das mesmas funcionalidades que unha Unidade de Documentación fixa, poderase expedir tanto o DNI como o pasaporte nun mesmo acto. Estes vehículos tamén terán capacidade para actualizar os certificados dixitais do DNI, xa que contan cun punto de actualización de DNI portátil.

Ata o momento, o modelo de expedición do Documento Nacional de Identidade naqueles municipios que non contan con despregamento da Policía Nacional requiría que, a través das Unidades Móbiles de Documentación, os axentes se desprazasen unha primeira vez, ata os municipios para obter os datos dos cidadáns e as súas impresións dactilares. Posteriormente expedíase o documento nas dependencias policiais e regresábase unha segunda vez ao municipio, pasados uns días, para facer entrega do Documento Nacional de Identidade ao seu titular.

Ademais, ata a posta en marcha deste servizo, a expedición do pasaporte español realizábase de maneira exclusiva polas Unidades de Documentación unicamente en dependencias policiais, polo que os cidadáns tiñan que trasladarse ata unha desas unidades para a obtención do documento. Estes vehículos de expedición recorren distintas provincias españolas e prestan servizo naqueles núcleos urbanos de poboación onde non existen dependencias de Policía Nacional. Os Vehículos Integrais de Documentación –VIDOC- foron desenvoltos para mellorar a eficacia, eficiencia e accesibilidade dos servizos públicos dixitais á cidadanía e ás empresas. Para iso, tras a adquisición dos vehículos, realizouse unha transformación coa colaboración da Fábrica Nacional de Moeda e Timbre, que permite expedir os DNI’s e os pasaportes de maneira instantánea en calquera punto do país.

Ponteareas beneficiarase desta iniciativa do Plan de Identidade Dixital posto en marcha pola Dirección Xeral da Policía no que se adquiríu e transformou un total de 80 Vehículos Integrais de Documentación cun custo de transformación de case 15.000.000 de euros financiados pola Unión Europea a través dos fondos Next Generation do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.