Éxitos para o Kung Fu porriñés no campionato ibérico

O Concello recibiu aos membros do Club León&Fam-Carrera que alcanzaron medallas en varias categorías

O Porriño | Félix Mosquera Rodríguez, Sabela Mosquera Rodríguez, Ian Ríos Rodríguez, Irene Fernández Gómez, My Ngoc Rodríguez Álvarez, Daniela Campo Jorge, Nerea Bouzós Refojos, Marco Furlaneto Avendaño e Bruno Silva Martínez, xunto co seu adestrador Enrique Carrera, foron recibidos esta tarde no Concello do Porriño polo alcalde Alejandro Lorenzo en recoñecemento dos éxitos acadados na última tempada.

Este grupo de deportistas do Club León&Fam-Carrera colleitou grandes resultados no XI Campionato Ibérico de Kung Fu Moderno e Tradicional. O equipo formado por Félix, Sabela e Ian gañou a categoría de cinto verde infantil; en parellas, Marco e Irene acadaron a prata en junior cinto marrón e My Ngoc e Daniela o bronce en senior cinto negro; e en individual, Irene e Marco lograron tamén ser subcampións.

A todo isto engádense outros primeiros e terceiros postos conseguidos na III Copa de Galicia de Kung Fu por Sabela, Bruno, Irene, Nerea, My Ngoc e Daniela e tamén no XIX Campionato Galego Escolar Individual de Kung Fu, logrando o ouro Sabela e o bronce My Ngoc. “É unha enorme satisfacción para min, como alcalde do Porriño, recibir a estes mozos e mozas que, con tanto esforzo e dedicación, están levando o nome do noso concello ao máis alto no mundo do Kung Fu. Sodes un exemplo de superación, constancia e compromiso, e este recoñecemento é máis que merecido. Desde o Concello seguiremos apoiando ao deporte base e aos clubs locais, porque cremos no talento que temos na nosa vila”, sinalou Lorenzo.

Estes resultados non só reflicten o alto nivel deportivo do Club León&Fam-Carrera, senón tamén o compromiso do Porriño co apoio ao deporte local e á formación de novos talentos. O éxito destes deportistas é motivo de orgullo para todo o Concello e un estímulo para continuar fomentando valores como o compañeirismo, a disciplina e a superación a través do deporte.

“Unha viaxe a Antonio Palacios”
Antonio Palacios viaxa en tren de Madrid a Galicia na última etapa da súa vida, acompañado pola súa parella, Adela Ramírez. O arquitecto leva varios cadernos de debuxo que lle farán rememorar lembranzas da súa vida e da súa traxectoria profesional.

Son unha segunda pel enchida de tatuaxes da que o escritor, Diego Giráldez, se vale para achegar a figura de Palacios dun xeito distinto e inédito ata o de agora. Así se dá a coñecer o libro “Nas horas do seu reloxo. Unha viaxe de Antonio Palacios”, que foi presentado esta tarde nun acto público no Concello do Porriño que contou coa presenza do alcalde Alejandro Lorenzo; o director Xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; o seu autor Diego Giráldez e o director de Edicións de Editorial Galaxia, Marcos Calveiro. Este libro ilustrado, editado polo Concello do Porriño e a Xunta de Galicia, “é unha maneira singular de achegarnos á figura de Antonio Palacios, no que non só se recolle a súa vida e obra, senón que a reimaxina, dándolle novas capas de significado. Como alcalde, síntome profundamente orgulloso de que a nosa vila continúe reivindicando a memoria deste xenio da arquitectura, cuxo talento segue inspirando xeracións de creadores e amantes da beleza. Esta publicación é un tributo ao seu legado, un recordatorio de que as súas pegadas seguen vivas nos espazos que ideou e nos soños que construíu”, explicou o alcalde durante o acto de presentación.

Na mesma liña falou o autor Diego Giráldez, “construír este libro foi moi ilusionante. Ao meu xeito de ver, representa unha maneira diferente e inédita ata o de agora de achegarse á figura de Palacios. É un traballo que, mantendo o rigor histórico, é máis divulgativo, máis emocional e creativo. Recoñezo que non foi doado darlle forma a toda a documentación que veño acumulando dende hai moitos anos sobre o arquitecto para facer algo así, pero por iso o proxecto foi emocionante dende o principio. Ademais, vai acompañado das ilustracións de MeliMolita, para min unha das mellores ilustradoras galegas, que soubo inspirarse nos propios cadernos de campo de Palacios e respectar a paixón que o artista porriñés amosaba pola pintura e o debuxo”. E é que a través da ficción, pero tamén dun rigoroso traballo histórico e documental, e apoiándose nas ilustracións de MeliMolita, este libro descubre ao artista porriñés dende unha perspectiva máis emotiva e divulgativa.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.