“Existe unha deshumanización moi grande dentro da sociedade”

Diego Ameixeiras | Escritor
Diego Ameixeiras é un autor ourensán coñecido por tratar o xénero negro dentro da literatura en galego.

‘O cervo e a sombra’ é a última novela de Diego Ameixeiras, autor ourensán coñecido por tratar o xénero negro dentro da literatura en galego. Co seu último traballo ofrece unha nova perspectiva sobre a drogadicción, as posibilidades de reinsertarse e de como as pantamas do pasado forxan un futuro incerto nunha cidade convertida en microcosmos, principio e fin de todas as cousas para os marxinados da sociedade. Ameixeiras achégase á realidade máis actual ao tempo que recolle retrincos de memoria histórica e da memoria dos e das que xa non están e de quen está sen estar.

“A cidade [Ourense] está de fondo e nela viven, ou malviven, os personaxes dentro dese entorno”

Nesta novela mesturas unha serie de personaxes que van desde os okupas de agora, a xeración afectada pola heroína dos oitenta e persoas maiores vinculadas a movementos de esquerda. Sucederá en todas as cidades, mais polo que se pode ver en O cervo e a sobra, Ourense parece unha cidade aluvión de persoas dispares.
A cidade está de fondo e nela viven, ou malviven, os personaxes dentro dese entorno. Todos teñen unha relación especial con ela. Están quen a padecen no presente, caso do protagonista, e outros como Irene para quen a cidade forma xa parte do pasado. Si é certo que hai xente moi diversa, algúns cun pé na marxinalidade e na precariedade, outros teñen problemas de adicción e case todos levan detrás algunha perda. Non sei se a cidade do presente se parece un pouco a iso mais a min parecíame necesario tela de fondo cando escribín a novela, pois é un relato onde a memoria ten moito peso. Volvo ao protagonista, pois é alguén que pensa no seu pasado, sobre todo na morte dos seus pais. Todo iso case me obrigaba a ter presente Ourense, pois é a cidade onde me criei, ese paraíso da infancia que acaba rompendo.

Hai un “personaxe” especial na novela, a estación de San Francisco. Debe ser como un lugar mítico para todos os ourensáns, até hai discos que levan por título o nome da estación.
Personalmente teño unha relación moi próxima con esa estación pois até os dezaseis anos vivín no barrio de San Francisco e vía pasar os trens todos os días. Xoguei alí, crieime alí e formaba parte da miña vida diaria. Se ía escribir algo relacionado coa memoria e a cidade, esa estación tiña que aparecer dalgunha maneira. O protagonista vive noutra parte da cidade mais lembra os xogos infantís arredor dese lugar. E aínda que hoxe en día ese lug
ar está moi cambiado, para min, un neno dos 80, é un lugar moi mítico en varios sentidos. Cando es neno os trens sempre producen fascinación e cando estás dentro dunha cidade, a estación dá un aire urbano peculiar, unha sensación de liberdade porque eu xogaba por alí e vía subir e baixar xente, iso facía fantasear con viaxes. Tamén era un lugar moi sinistro nos 80 porque a heroína estaba moi presente, en concreto un dos túneles da estación era o lugar onde se “picaban” as persoas adictas. Para nenos de entre sete e dez anos ver como a xente da xeración anterior á túa estaba metida nesas historias pois era impactante. Iso pasounos dalgunha maneira aos que medramos naquel momento, ver como caían persoas pola adicción. Eu asocio todo isto á peculiaridade de que no meu barrio estaba esa estación, cunha imaxe reflectida en discos e tamén a esa “confusión” coa cidade californiana do mesmo nome.

Indo aos personaxes, o protagonista reflexiona sobre momentos do seu pasado. Cal é o exercicio que realizas para “introducirte” na cabeza dunha persoa así?
Hai unha parte de ficción pura onde deixas traballar a imaxinación. Logo hai outra parte con máis peso, aquela onde ti mesmo como autor permites que esa parte de ti saia no libro. Ao final un acaba mostrándose en todo canto escribe. O proceso relacionado coa maneira en que te enfrontas aos teus medos, como no caso do protagonista e o inteno de superar a morte dos pais, é unha suma de imaxinación e aquilo que un poida utilizar da propia memoria emocional, un proceso nada doado cando un escrebe. Eu uso eses dous elementos mais co pasar dos anos un vaille dando máis peso ás memorias e feridas do tempo, pois aí está o manancial das narracións. A imaxinación déixala fluír para ver como saen tramas e historias, mais todo iso colle peso cando aparecen os grandes temas como son o tempo, o amor ou a morte.

Teño unha impresión que non sei se compartes, mais é como se os adictos se convertesen nunha caste de “mobiliario urbano”, uns personaxes máis da “fauna” urbana e de aí a indiferencia cara a eles.
É certo que existe unha deshumanización moi grande dentro da sociedade. Hai unha falta de sensibilidade cara adictos, xente sen emprego e outros tipos de exclusión social. Quizais en vilas ou cidades pequenas ese fenómeno non estea tan agravado pois hai unha cercanía. Mais dentro das grandes cidades quen está na rúa ou se ve marxinado, pois pode sentirse como un punto sospeitoso ou formando parte da paisaxe. Coas miñas novelas non busco ser un altofalante, aínda así creo que estas persoas deben ter unha identidade. O público le novelas ou ve series onde a maioría dos personaxes son de clase media, pois son a maioría. Logo hai quen se sorprende cando novelas e series se centran en persoas na marxinalidade, outra cousa é facer boa literatura ou TV con ese contexto e esas persoas, mais nos meus libros intento que estean aí.

“É certo que existe unha deshumanización moi grande dentro da sociedade. Hai unha falta de sensibilidade cara adictos, xente sen emprego e outros tipos de exclusión social”

Que punto querías tocar introducindo un personaxe relixioso dentro da trama?
Cando estaba deseñando a trama da novela e o personaxe principal, tamén quixen abrir unha porta de esperanza dalgunha maneira. Como o personaxe principal é alguén que pasou por todos os infernos agora quere ter algún tipo de certeza ou de esperanza na vida. Por iso a aparición dun cura que se fai amigo del e ademais ten unha certa inquietude social, un cura que está na rúa non permanece afastado da realidade. A min pareceume interesante contrapoñer eses dous mundos, o das drogas, da marxinalidade e a escuridade coa do cura que intenta ser esa luz de esperanza dentro dese mundo tan escura. Tamén crear un diálogo entre alguén que cre e outra persoa non crente mais que busca respostas ou pide explicacións sobre as cuestións de fe, era algo que me resultaba atractivo.

Nado en Xove. Redactor en medios online, gabinetes de prensa, campañas electorais e bolseiro en medios radiofónicos. Desenvolvemento de proxectos web municipais e posicionador SEO. Blogueiro, community manager e investigador.