Cadernos da viaxe.
Hai poucos días o president Puigdemont escribía na prensa madrileña un artigo titulado La única salida que tiene el socialismo español es la ruptura. No mesmo pide que o PSOE volte á súa doutrina anterior a 1978, cando acreditaba na ruptura democrática e no dereito a decidir de Galicia, Euskadi e Cataluña.
Arestora o PSOE é o único partido estatal de fasquía híbrida canto á cuestión nacional e o afondamento nas liberdades democráticas e na forma republicana de goberno. Semella que, aos poucos, o electorado do partido abandonou parcialmente as posicións de Felipe González, Alfonso Guerra ou Nicolás Redondo, aínda abondo partilladas polas organizacións rexionais do PSOE en Andalucia, Murcia, Castela A Mancha e Extremadura e sectores cada vez máis importantes (malia que aínda non maioritarios) apostan polo afondamento no autogoberno dos países e territorios do Estado, afastándose de discursos monárquicos e centralistas.
Porque o PSOE institucional, dende o pacto constitucional de 1978, non fixo máis que copiar e repenicar o modelo de estado da dereita española, até o moi breve paréntese de Rodríguez Zapatero, nunca ben acollido polos tótems socialistas da transición Isto é o que explica o esfarelamento do antigo PSC, que dimitiu da tradición maragallista e hoxe goberna en minoría en grande parte pola abstención de grande parte do independentismo e moitos dos que votaron Citadans nas eleccións do 155, en decembro de 2017.
“O PSOE institucional, dende o pacto constitucional de 1978, non fixo máis que copiar e repenicar o modelo de estado da dereita española”
Pedro Sánchez fíxose coa secretaría xeral do PSOE e coa presidencia do goberno do Estado (tanto na censura de 2018 como despois das eleccións da fin de 2019 e de 2023) fronte aos devanditos tótems ou dinosauros, malia que non teña sido quen de lle dar pulo definitivo a esa axenda plurinacional e liberal-democrática, en grande parte por i) estar a sufrir arestora o mesmo lawfare sufrido polos independentistas cataláns dende o 1-Ou de 2017, ii) ter escollido malos compañeiros de viaxe na definición da súa equipa, como os antigos nº 2 do PSOE Ábalos e Santos Cerdán) e iii) non aproveitar o seu recoñecido liderado e a súa indubidábel resiliencia, quizais polas carencias de madurez e de discurso transformador da súa equipa de goberno.
Porén, o president Puigdemont acerta ao apelaren á única (aínda que cativa e ben difícil) posibilidade de transformación do Estado: unha virada do PSOE cara ao recoñecemento da súa plurinacionalidade (e, en último de contas, do dereito a decidir de Cataluña e Euskadi e Galicia), a transición cara os valores e institucións republicanas e o afondamento nas liberdades democráticas para nos homologar coa sensibilidade xurídico-política europea. Neste senso, a derrogación da chamada “lei mordaza” e maila supresión da pena de cárcere permanente revisábel e dos delitos de aldraxe á Coroa e aos sentimentos relixiosos contarían coa maioría absoluta no Congreso allea ao PP, Vox e UPN, sempre que non se queira inserir no paquete outras cuestións que non teñen ese consenso.
Malia o que puido pensar hai máis de trinta anos o antigo presidente do PNV, Xabier Arzallus, non é posíbel a convivencia da plurinacionalidade do Estado coa monarquía borbónica, importadora dun centralismo francés que suprimiu a lume e ferro as liberdades de Catalunya, o País Valencià, les Illes e Aragón (1707-1716), de Nafarroa e dos tres territorios históricos que hoxe integran Euskadi (1840-41 e 1876) e pechou a tradición de autogoberno limitado de Galicia como Reino da Idade Moderna e comezo da Contemporánea coa división do mesmo en catro provincias (1833), do mesmo xeito que racharon no seu día en catro cachos a túnica de Xesús Cristo, en aquelada e gráfica expresión do protogaleguista Manuel Murguía.
O dereito a decidir de Catalunya, Euskadi e Galicia non só ha ser recoñecido teoricamente, senón garantido canto ao seu exercicio pacífico sen temor ao aparello represor do Estado na aplicación dun Dereito penal do Inimigo que sempre negou dende 2017 o PSOE. Mais que, arestora, comproba que se lle aplica, sen que ter aprobado (canda o PP) o 155 atenúe esa resposta que antes sufriron moito/as outro/as.





