Eva García responde á polémica con Mos sobre Augas do Louro pedindo “respecto”

En relación aos técnicos do Consorcio que valoraron as ofertas de licitación

O Porriño | A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre instou a súa homóloga de Mos, Nidia Arévalo, a que “deixe de faltarlle ao respecto aos técnicos que levaron a cabo a valoración das ofertas na licitación e que deixe de falar de irregularidades que non existiron”.

“E a continuación, hei de dicirlle á alcaldesa de Mos que debe cumprir coa súa obrigación e que asista ás reunións do comité directivo do Consorcio. Non mande a substitutos; non delegados, figura que non se contempla no Consorcio. A Nidia Arévalo substitúena porque se esquece de cumprir coas súas obrigacións”, agregou a alcaldesa de Porriño.

A rexedora do concello que encabeza o Consorcio, lembrou que a reunión do comité directivo para valorar a resolución do TACGAL, xa está prevista. A presidenta do Consorcio de Augas do Louro, argumenta ademais que a licitación dun contrato “tan complexo como foi este” require da intervención de “unha chea de técnicos que foron os que fixeron o prego da licitación e os que., despois, fixeron a valoración das correspondentes ofertas presentadas”.

A alcaldesa do Porriño lembra á súa homóloga de Mos que os rexedores dos catro municipios que integran o Consorcio “somos un peón máis nesa roda”. Eva García lembra que foi a proposta dos técnicos que formaban a mesa de contratación “a que propón outorgar o contrato á oferta mellor valorada e despois, é o comité directivo, reunido para o efecto, é o que acorda, por unanimidade, aceptar a proposta da mesa de contratación”, que foi en favor da empresa “ Gestagua”.

Nesa reunión estiveron representados os catro concellos do Consorcio (Porriño, Mos, Salceda e Tui) así como a Xunta, a través de “Augas de Galicia”. Para a alcaldesa do Porriño “evidentemente a segunda empresa valorada nese concurso, que foi ‘ Aqualia’, está no seu dereito de interpoñer un recurso ante o ‘ TACGAL’ (Tribunal de Contratos de Galicia) e é este tribunal o que decide, segundo o seu criterio, que debe excluírse á empresa adxudicataria porque considera que non cumpre co prego”.

“Eva García sinalou que agora son os técnicos do Consorcio os que están a valorar esa resolución do TACGAL que aínda non é firme”

Eva García sinalou que “agora son os técnicos do Consorcio os que están a valorar esa resolución do TACGAL que aínda non é firme”. A alcaldesa de Porriño pediu “respecto” para os técnicos que fixeron esa valoración e para o Consorcio de Augas do Louro.

E por último, Eva Garcia insta a Nidia Arévalo a que “non presuma actuación de mala fe de ninguén. Eu non se se ela no seu comportamento habitual, non se axusta á mala fe. Desde logo, eu non a vou a presumir como ela, en cambio, presupona de min. Nada teño que ver con ningún tipo de decisión respecto desa licitación a nivel persoal. Limítome a xestionar o de todos, como presidenta. Pero o meu voto ten o mesmo que os dos demais no comité directivo”, concluíu.