Europa aplaude o impulso do Lugo +Biodinámico

Polo uso da madeira na construción das cidades sostibles do futuro

Lugo | Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, sinalou que as actuacións, “transformadoras para a cidade”, permiten apreciar “un Lugo combativo e proactivo na loita contra o cambio climático”. A rexedora destaca que é un proxecto que tamén “dá oportunidades á cidadanía, que xera economía e emprego a través dos recursos naturais”.

Europa aplaude o impacto que está a ter o proxecto LIFE Lugo+Biodinámico, do Concello de Lugo, no impulso do uso da madeira na construción e, polo tanto, o que supón de impulso tamén para o sector forestal. Manifestouno Dimas Ramos, monitor da Axencia Europea Executiva do Clima, da Comisión Europea, que participou nas comisións de xestión e de dirección do LIFE, esta última presidida por Lara Méndez.

“Europa está moi atenta ao proxecto de Lugo, que busca naturalizar as cidades”, comentou o monitor, que incidiu que se a aposta polas “urbes máis abertas, sostibles e agradables para a cidadanía e a súa contorna era unha liña moi clara europea, trala pandemia se ve que é aínda máis importante”. No caso da estratexia impulsada pola rexedora de Lugo, sinalou que “un dos maiores impactos que está a ter é que se empeza a ver a madeira, non só como un material de uso tradicional e de adorno, senón como un material avanzado e moderno para a construción”.

“Europa está moi atenta ao proxecto de Lugo, que busca naturalizar as cidades”

Redución de emisións
O uso da madeira e o seu valor na loita contra o cambio climático grazas á redución das emisións de C02 e á súa eficiencia enerxética son algunhas das claves destacadas. Neste senso, durante o desenvolvemento das comisións se puxeron como exemplo o edificio municipal Impulso Verde e a construción do barrio multiecolóxico, o primeiro de España. Así mesmo, explicouse o avance doutras accións, como a creación do bosque urbano das Gándaras, de 24 hectáreas, e a recuperación do humidal e a súa declaración como ENIL (Espazo Natural de Interese Local).

Lara Méndez incidiu en que o estudo das melloras ambientais que supoñen as distintas actuacións do LIFE Lugo+Biodinámico “serán tamén un revulsivo para seguir planificando a cidade sostible na que traballamos”.

Ademais, destacou “o efecto transformador medioambiental, social e económico desta estratexia para Lugo, que vai máis aló da súa duración e das súas actuacións, porque a converte nunha cidade combativa e proactiva na loita contra o cambio climático. Son proxectos que dan oportunidades, que xeran economía e emprego a través dos recursos naturais, como pode ser a madeira como elemento estrutural, sen esquecernos a parte social e de recuperación dos espazos públicos”.

No comités de xestión e de dirección do LIFE participaron, ademais, o concelleiro de Sostibilidade Urbana, Álvaro Santos, e representantes das institucións que colaboran co proxecto, a Deputación de Lugo e a Universidade de Lugo, pola que acudiu Mª Dolores Vega e Antonio Rigueiro e Belén Feijóo, de Pemade, e a Universidad Politécnica de Madrid, representada por Luis Ruíz.

O monitor da Comisión Europea aproveitou a súa estancia en Lugo para coñecer sobre o terreo as actuacións desenvolvidas, como o Impulso Verde e o bosque urbano das Gándaras.