Europa ante as súas “ameazas”.

Durante meses, de xeito incesante, os principais líderes europeos non escatimaban en acusar a Rusia de ser a “ameaza para Europa”. En Bruxelas comezaba a deseñarse unha Estratexia Industrial de Defensa para potenciar un lobby militar-industrial que permita dotarse dun mecanismo de defensa común para reducir a dependencia da OTAN e de EEUU.

Con Ucraína como trasfondo, en Europa alertaban sobre un “inminente ataque ruso”, co horizonte 2030 como data límite. Pero o pacto de Trump con Putin para asegurar unha pax rusa en Ucraína, a súa falta de compromiso con Kiev e a OTAN e as veleidades imperialistas de Trump por anexar Groenlandia (territorio autónomo dentro do Reino de Dinamarca, país membro da UE e da OTAN) e cuxos obxectivos esconden o pulso polo control do Ártico, están dando un cambio tectónico na percepción que Europa ten da súa seguridade. Por tanto, a “ameaza” para Europa agora non está únicamente concentrada en Putin senón tamén en Trump.

“A ‘ameaza’ para Europa agora non está únicamente concentrada en Putin senón tamén en Trump”

Europa entra en conta de que a realpolitik que domina o mundo de hoxe require procrear un esquema defensivo común suficientemente eficaz. Nun sistema internacional que salta polos aires, sen regras e determinado pola lei do máis forte, a UE tenta reducir a súa dependencia transatlántica de EEUU mentres comeza a observar con atención a posibilidade dunha reapertura de relacións con Rusia. E aquí pode entrar en colación un sector estratéxico: a enerxía, neste caso máis barata e asequible en canto redes de distribución.

Ante o desprezo de Trump con Europa, a primeira ministra italiana Giorgia Meloni argumentou que era o momento de “reanudar o diálogo con Rusia”. Petición similar realizou con anterioridade o presidente francés Emmanuel Macron. En Moscova, Putin recolleu a mensaxe. Durante unha ceremonia de recepción de novos embaixadores europeos, o mandatario ruso celebrou este súbito cambio de postura por parte de algúns gobernos europeos, amosando a súa intención de comezar a traballar nese sentido. Incluso, Putin chegou a asegurar á UE que pode contar coa súa axuda en defensa da soberanía de Groenlandia, tomando en conta que o pulso do Ártico implica directamente a Rusia, país que ten maior presenza nese novo espazo de interese xeopolítico.

De Ucraína a Groenlandia, a UE dase conta que está inmersa nunha tenaza deseñada por Trump e Putin. Marcando unidade en torno a Dinamarca e a soberanía en Groenlandia, un pequeno continxente de tropas europeas lideradas por Alemaña, Francia, Suecia e Noruega aterraron en Groenlandia como medida disuasiva ante as ameazas expansionistas de Trump. Un país tradicionalmente neutral como Noruega comeza a preparar a súa poboación para unha guerra, argumentando tanto a “ameaza rusa” como a de Trump en Groenlandia.

No Foro Económico de Davos, un dos epicentros preferidos para as elites mundiais, a presidenta da Comision Europea, Úrsula von der Leyen, anunciou un acordo con India para avanzar nun “mercado de máis de 2.000 millóns de persoas”, con expectativas de abrir mercados e reducir dependencia económica europea de EEUU. Con anterioridade, a UE selou un acordo con MERCOSUR, desempolvando así os mecanismos de asociación cun socio comercial revitalizado tras etapas de parálise.

“Europa debe tamén ter en conta que a ‘quinta columna trumpista e putinista’ tamén está instalada no seo da UE”

Durante anos considerado un “xigante económico pero un anano político”, a UE vese na obriga de reaccionar pola súa seguridade. Pero debe tamén ter en conta que a “quinta columna trumpista e putinista” tamén está instalada no seo da UE en países como Hungría, Eslovaquia, Italia, Alemaña, España e Países Baixos, entre outros, polarizando as súas decisións e erosionando a súa unidade política. E non debemos esquecer outro actor á expectativa: China, que observa á UE como un socio comercial que equilibre a balanza na súa contenda  hexemónica con EEUU. Neste pulso xeopolítico polo poder do século XXI, Europa tenta non quedar á deriva.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina. Redactor Xefe de "Foro A Peneira" e "Novas do Eixo Atlántico".

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.