Ponteareas/Esquerda Unida | Esquerda Unida de Ponteareas entende que a exposición pública dos orzamentos municipais de Ponteareas para o 2022 de cara á súa aprobación definitiva non está a ter a debida transparencia.
O pasado 4 de abril foi publicada no Boletín Oficial de Pontevedra a aprobación inicial do Orzamento Xeral 2022 do Concello de Ponteareas. No documento indicábase que o orzamento estaría exposto ao público durante un prazo de 15 días dende a publicación.
Indicábase tamén que durante dito prazo “poderá ser revisado por calquera interesado nas dependencias municipais para que se formulen as alegacións que se estimen pertinentes. Así mesmo, estará a disposición dos interesados na sede electrónica deste concello.”
O feito é que para que se poidan dar por expostos ao público os orzamentos, entre a documentación dispoñible debe figurar a liquidación do orzamento do exercicio anterior e o avance da do corrente, referida polo menos a seis meses do exercicio corrente.
Pola contra, na sede electrónica do Concello de Ponteareas, a día 18 de abril, non se atopaba dispoñible ningún tipo de liquidación orzamentaria. Nin referida ao ano 2020 nin ao 2021, tendo en conta que o orzamento que se pretende aprobar é o do exercicio en curso.
Debido a iso, Esquerda Unida presentou unha alegación á exposición dos orzamentos do concello solicitando a inclusión das liquidacións orzamentarias e o aprazamento do inicio do período de exposición pública. De xeito que os 15 días de exposición pública comezaran a contar logo da publicación do erro no Boletín Oficial de Pontevedra e da posta a disposición dos documentos.
Dous días despois da presentación da alegación por parte de EU, o Concello publica a documentación solicitada pero non aclara se vai a reiniciar ou non o período de exposición pública dos Orzamentos do Concello para permitir o seu estudo por parte da veciñanza.
Esquerda Unida entende que, de non reiniciar o período de exposición estaríamos ante unha clara falta de transparencia por parte do Concello e que non se podería dar por cumprimentado o trámite de exposición pública dos Orzamentos para a súa aprobación definitiva.