“Eu estou con quen pensa en todo o mundo e non só en si mesmo”

Sés | Cantante

Sés saca novo disco, o sétimo desde que comezou a súa andaina artística en solitario. Liberar as Arterias é un conxunto de doce temas, cada un deles cunha carga e personalidades propias que converten este novo álbum nun conglomerado de ritmos, estilos e composicións con pegada propia. O eclecticismo de Sés convértea nun dos referentes da música contemporánea en galego, traspasando as fronteiras mesmo de Europa para aterrar co seu facer en terras latinoamericanas. O tema de apertura, e de onde extrae o título, é un poema musicado da poeta Luz Fandiño a quen Sés rende unha homenaxe persoal, case íntima.

Cal foi o motivo de musicares un poema de Luz Fandiño e pór de título pata o teu traballo precisamente un verso do mesmo poema?
O motivo foi facer unha homenaxe e xustiza, sobre todo xustiza. Luz é unha persoa que, precisamente pola súa honestidade, pola súa valentía, pola súa irreverencia e pola súa falta de corporativismo, non é coñecida. Luz é o prototipo de persoa ou de profesional en xeral que trascende unha vez morta porque xa non molesta. Entón, eu que a admiro e ademais lle quero moito, quixen facerlle esa homenaxe en vida.

A portada deste último traballo, Liberar as Arterias, ten algún significado que buscas transmitir ao público cando vexan o deseño?
Esa sensación de liberar as arterias, é unha sensación de desconexión coa parte biolóxica, co propio corpo, ademais de eliminar esas sensacións negativas como a rabia ou a ira, o tema base de Liberar as Arterias, limpar o sange. Todas esas sensacións portámolas no interior e buscamos desfacernos delas tanto física como psicoloxicamente.

“Esa sensación de liberar as arterias, é unha sensación de desconexión coa parte biolóxica, co propio corpo”

Ese querer liberarse de sentimentos negativos forneceu as letras das túas cancións? Por exemplo, en “Quen son os meus” é como se marcases límites entre quen é fiable para ti e quen non.
Non hai ningunha intencionalidade nese tema. Simplemente, eu son unha persoa que non cre na posibilidade de caerlle ben a todo o mundo, non creo nada diso. Claro que hai bandos na vida, hai xente boa e mala, a quen lle importan os demais e quen só se importa a si mesmo. Para min “Quen son os meus” é como unha oda ao posicionamento, pois actualmente parece que todo o mundo vive en terra de ninguén, un lugar que a nivel ideolóxico ou de posicionamento, non existe. Ti pertences si ou si a algún lugar, que ao mellor non queres pertencer senón que os teus actos te levan a pertencer. Eu sei onde estou posicionada, ademais dun xeito orgulloso e transparente.

E onde te posicionas?
Son unha persoa transparente, por tanto é obvio que son unha persoa identificada cunha ideoloxía de esquerdas e a favor das liberdades en xeral. A liberdade de expresión, a liberdade de autodeterminación, derrubar as barreiras de xénero e sobre todo, limpar a xestión da riqueza que conleva a escravitude. Eu estou con quen pensa en todo o mundo e non só en si mesmo.

Por iso compuxeches o tema “Mafia” para este disco?
Realmente “Mafia” é un tema que critica o corporativismo existente en todos os gremios. Existe unha máxima: “Onde todos pensan igual, ningún pensa”. Neste caso falo do meu contexto, de onde me movo aínda que ao final é máis un canto de liberdade. Realmente todos os temas do disco son cantos á liberdade individual, que cada quen se sinta libre de vivir fóra das prisións. As prisións, aínda que sexan gaiolas de ouro, son gaiolas.

O tema “O silencio non marcha” é unha reflexión sobre este período de peche, encerro obrigatorio pola pandemia?
Esa canción escribina antes de todo o acontecido coa pandemia. “O silencio non marcha” reflexiona sobre o medo a falar, do medo a expresarse. Ás veces dá a sensación de que se entrevistas a músicos ou escritores, parece como se ninguén quixese dicir nada que saia duns límites, todo politicamente correcto, evitando molestar. Os dereitos nunca se adquiriron sen molestar, nin a escravitude se conseguiu sen molestar nin o sufraxio universal se conseguiu sen molestar nin a sanidade pública se conseguiu sen molestar, todo iso conseguiuse molestando e morrendo con moitas persoas sen identificar soterradas en cunetas. E “O silencio non marca” trata diso, trata do exceso de ruído na rúa, con guindatres, vehículos pitando ou construción de edificios. Mais en realidade o silencio segue sendo o rei. A xente cala e cala por medo á represión.

“O silencio non marcha’ reflexiona sobre o medo a falar, do medo a expresarse”

Cada un dos temas que compoñen Liberar as arterias parece ter unha personalidade propia, cada un deles cun ritmo diferente. Buscas iso, darlle personalidade propia a cada tema que compós?
Sáeme sen querer, mais eu sempre digo que non fago música, fago cancións. Cada unha desas cancións sae cun traxe diferente porque unhas lévante a Latinoamérica outras a Norte América, que te deixan en Galicia ou na Península. Non é unha vontade de ter unha produción ecléctica, é máis natural, máis relacionado co estado anímico e iso lévame a darlle un son determinado a ese tema. Mais si é certo que cada canción é diferente unha da outra, porque se respecto algo moito máis que a min mesma, son as miñas cancións. Busco que cada unha teña unha coherencia interna.

Despois dunhas actuacións en Galicia marchas a América Latina, non é a primeira vez que viaxas a ese continente. Cal foi a sensación que levaches cando te escoitaron por primeira vez en terras americanas?
A sensación foi: pinto máis alí que aquí. Creo sentirme máis parecida a eles que a Europa. América Latina é máis “hot” fronte a unha Europa máis “cool”. Ademais, en América Latina a ideoloxía segue vive e aínda existe a conciencia de clase, algo moi presente na miña vida e no meu pensamento. Iso non existe en Europa, nas persoas que enguliron a falacia do estado de benestar e agora pagamos as consecuencias de crermos que non hai clases, todos somos iguais e que existe a meritocracia. Todo iso en América Latina por sorte ou por desgraza non existe, por suposto teñen música lúdica, mais son moi susceptibles á música con contido, a que di cousas, especialmente as mulleres. Os referentes femininos na música están hipersexualizados e na América Latina aínda máis. Entón, ver unha muller cantando coa súa guitarra e canta que todos somos iguais e elas son iguais aos seus compañeiros varóns. Digo isto porque, por exemplo, no Paraguay o 70% das mulleres son abusadas ou violadas polo menos unha vez na súa vida, unhas cifras xenocidas. Eu sentinme cómoda, sentín a necesidade de volver e decidín, durante a primeira xira, facer un disco de versións en español.

“América Latina é máis ‘hot’ fronte a unha Europa máis ‘cool”

Que observaches entre o público cando lles cantabas en galego?
En ningún momento sentín nada negativo, todo o contrario, unha recepción positiva e tamén unha recepción da mensaxe moi acolledora. Eles entendían os ritmos, as texturas, pois expresas ira, rabia ou alegría nas cancións. Por tanto, no meu caso non foi un impedimento para conectar con elas. Á parte, eu fago unha explicación do contido da canción que vou interpretar e iso axuda moito, tanto aquí como alí. Realmente quedaron gañas de volver.

Nado en Xove. Redactor en medios online, gabinetes de prensa, campañas electorais e bolseiro en medios radiofónicos. Desenvolvemento de proxectos web municipais e posicionador SEO. Blogueiro, community manager e investigador.