Estremadura extremízase.

As eleccións autonómicas de Estremadura deste domingo 21-D consolidan a tendencia á dereita nunha rexión que sempre votou socialista nas súas autonómicas. Mesmo en maio de 2023 o PSOE adiantara nun punto ao PP de Guardiola (39,9% vs 38,9% mais empataren os dous a 28 escanos), que acadou o poder por mor do pacto que asinou con Vox. Desta volta o PP foi a forza máis votada, obtendo 29 escanos (un máis que en 2023, acadando un 43,2% dos votos fronte ao 38,9% de 2023).

Malia mellorar o seu resultado, Guardiola non logrou a maioría absoluta (fixada en 33 escanos), o que a obriga de novo a negociar coa extrema dereita para gobernar. Extrema dereita que foi a grande gañadora en termos de crecemento, pasando de 5 a 11 escanos, dun 8,1% a… case o 17%!!. E iso sen candidato coñecido nin definido nin mensaxe ou programa rexional de seu. Para lles achegar un moi gráfico exemplo da hexemonía da dereita e da extrema dereita , máis do 67% dos votantes de Badaxoz votaron o domingo PP e Vox.

O PSOE, con Miguel Ángel Gallardo á fronte, sufriu unha derrota sen precedentes e pasou de 28 escanos (case o 40% dos votos) a 18 (só o 25,7% dos votos). Acadou o peor resultado da historia do PSOE nunha Estremadura que foi o seu feudo tradicional durante décadas. A perda de 10 escanos reflicte un desgaste profundo e unha fuga de votos tanto cara ao PP como cara á abstención e á esquerda alternativa de Unidas por Extremadura (UEX), coalición de Podemos con IU e Alianza Verde que non integrou ao Movemento Sumar da ministra Yolanda Díaz, carente de alicerces naquel territorio. UEX subiu de 4 a 7 escanos (medrando substancialmente dende o 6% ao 10,3% dos votos).

Por primeira vez, o bloque da dereita (PP + Vox) superou o 60% dos votos, confirmando unha fonda remuda sociolóxica nunha rexión historicamente ligada ao socialismo. Mais cómpre sinalar tamén que a xornada estivo marcada por unha forte caída na participación (arredor do 63% dende o 70% de 2023), que prexudicou nomeadamente ao PSOE.

“Que vai pasar agora? (…) O novo escenario obriga a estes dous partidos (PP e Vox) a entenderse de novo, pero cun Vox moito máis fortalecido”

Que vai pasar agora? O adianto electoral estivo motivado pola ruptura previa entre PP e Vox e pola incapacidade de aprobar os Orzamentos. O novo escenario obriga a estes dous partidos a entenderse de novo, pero cun Vox moito máis fortalecido. Malia que Guardiola acadou catro escanos máis que a suma do PSOE e da UEX precisará para a súa investidura, para os Orzamentos e para a súa axenda lexislativa a abstención dun Vox empoleirado, que non vai malvender a súa abstención. Preparémonos para ver nas vindeiras semanas de todo o posíbel, mesmo o veto indefinido á investidura de Guardiola de Vox a quen non lle preocupa nin lle ocupa a gobernanza de ningún territorio, senón a imposición dunha axenda política e lexislativa nidiamente de extrema dereita. Os marcos vainos pór Vox. E senón ao tempo.

Un último apuntamento. Estremadura segue o ronsel de Andalucía ao substituíren maiorías autonómicas do PSOE por maiorías autonómicas do PP e Vox. Na propia Estremadura e en Castela A Mancha maiorías das dereitas nas eleccións estatais anunciaron o futuro transvase de moitos votos socialistas ao PP. Susana Díaz, Rodríguez Ibarra ou García Page son exemplos de dirixentes socialistas do sur peninsular que partillaban e partillan modelo de estado no territorial, cultural e lingüístico e até modos e maneiras da gobernanza coa dereita. Daquela fariña veu esta borralla.

Advogado. Colabora en varios medios galegos.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.