“Este libro permitirá abrir a porta a novos traballos sobre a represión franquista no Val de Miñor”

Carlos Méixome | Historiador

Carlos Méixome acaba de publicar en Laiovento o seu libro Catas na memoria. A persecución franquista no Val de Miñor. Unha achega aos actos represivos nos primeiros estadíos do golpe de estado de 1936. O libro narra as diferentes accións acometidas contra sectores sociais e políticos que os golpistas consideraban como inimigos ou perigosos para o “réxime”. Unha das conclusións que Carlos Méixome ten clara é que “os camisas azuis” foron en grande parte, executores das ordes que viñan do exército.

O título do teu libro Catas na memoria. A persecución franquista no Val de Miñor, é como se se fixese referencia a un achegamento, unha primeira prospección do terreo que é a memoria histórica. Pódese entender así?
Si, aínda que non son as primeiras achegas. Cando se di primeiras é como se fose algo moi simple, mais non ten ese sentido de simplicidade senón o de traballo non rematado. Non é unha investigación total ou global porque quedan cousas fóra, serían uns estudos parciais. Tamén é certo que noutros traballos publiquei outras castes de catas. Neste caso son parciais porque non é unha historia total dos tres concellos. Un traballo así debería ter máis recursos e máis tempo para materializarse. Posiblemente este libro permita abrir a porta a novos traballos máis amplos e globais sobre os tres concellos. Isto non significa que non haxa interpretación dos acontecementos, hai unha cata e unha interpretación dos achados realizados.

Durante a túa investigación encontraches unha incidencia especial sobre determinados grupos ou persoas por parte do bando franquista?
Si, hai unha parte da sociedade que é perseguida máis vivamente, algo moi semellante ao sucedido en Galicia nese momento. Aínda así, hai pequenas diferenzas segundo os lugares. Eu traballo moito con Tui e alí hai uns matices moi claros. Quen son os sectores máis perseguidos? Pois os republicanos e os demócratas en xeral. Mais indo ao concreto foron os mestres, que ademais no caso do Val de Miñor están moi vinculados ao agrarismo miñorán, que no caso de Nigrán e Gondomar son da Federación Provincial Agraria. Esta federación funcionaba case como un partido, finalmente acabou dentro da Fronte Popular e coloca un deputado nas Cortes que é Antón Alonso Ríos. En tal caso, o colectivo de mestres foi dos máis perseguidos e case a metade deles, dunha ou doutra maneira, foron sancionados. No caso dos mestres houbo un “paseado”, Vázquez Grela. Este foi un caso un tanto extraño. Intenta salvarse, organiza misas a Calvo Sotelo, doazóns ao Exército de ouro, cartos, reposición de cruces en escolas pretendendo pasarse ao outro lado. Cando comeza o curso viñérano buscar un oficial e un grupo de falanxistas, sacárono da escola e disparáronlle a dous centos metros da escola. Os outros foron sancionados, expulsados ou lles abriron consellos de guerra.

O Val de Miñor tivo importancia por ser zona estratéxica, de fronteira?
Non notei moito iso mais si que houbo outros dous sectores onde se imprimiu maior represión, os sindicatos obreiros e mariñeiros. No caso de Baiona, o caso do Sindicato de Industrias Pesqueiras, adscrito á CNT, onde había un había un equipo dirixente moi forte e ademais, no momento do golpe de estado, estaban en folga na vila de Baiona, con nomes moi importantes dentro do anarquismo, mesmo da F.A.I. Despois estaba o Sindicato Obreiro de Sabarís, maioritariamente cenetista e logo había un sindicato obreiro da UGT, creo que era o único caso onde había un alcalde en Baiona anarquista en 1936. Logo o sindicato da Construción e Oficios Varios adscrito á UGT en Gondomar. Aí quen leva o castigo máis duro é un rapaz que se chama Joaquín Míguez Ledo que foi fusilado, logo o resto do equipo sindical foron sometidos a consellos de guerra e encarcerados.

Quen dirixía realmente as execucións ou “paseos”, militares ou falanxistas?
Eu vouno vendo máis claro cada vez que investigo ou falo con colegas investigadores por toda Galicia. Quen dirixía era o exército. Sempre se di que foi a Falanxe, é certo que era a Falanxe, e en concreto aquí houbo unha sección moi perversa dese partido, a Falanxe da Ramallosa, especialmente o durante o primeiro ano. Sempre actúan ás ordes do exército nun primeiro momento, logo é substituído pola Garda Civil que é unha estamento militar que é quen dá as ordes e os falanxistas son quen as cumpren. Isto está moi claro, por moita elaboración dunha desculpa por parte dos militares, “eran os camisas azuis”, os militares non participaban mais eran os que mandaban.

Polo visto o anarquismo tiña unha grande presenza nesta zona.
Si, en Baiona, no sector mariñeiro. É un fenómeno xeralizado en toda a costa. A partir de 1932 hai unha filiación case en masa, pasan da UGT á CNT. Mais é certo que en Baiona e en Panxón hai unha forza cenetista moi poderosa. O alcalde de Baiona que era anarquista da corrente de Ángel Pestaña, mentres que seu irmán era da F.A.I. do sindicato da construción de Sabarís.

Nado en Xove. Redactor en medios online, gabinetes de prensa, campañas electorais e bolseiro en medios radiofónicos. Desenvolvemento de proxectos web municipais e posicionador SEO. Blogueiro, community manager e investigador.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos

Os nosos anunciantes son importantes para nós.
Fainos o favor de desactivar o bloqueador de anuncios ou
engadir este sítio a túa lista branca.

Grazas!