ESTADO ESPAÑOL: totum revolutum.

Vimos de saír do túnel do tempo político de conseguir un Presidente do Goberno para os vindeiros catro anos. Non fomos quen de conseguilo. Claro que Feijóo dixo, por activa e por pasiva, que el non resultaba elixido Presidente do Goberno porque non quería; non quería selo da man dos independentistas vascos ou cataláns, sabendo que o seu problema foi e seguirá sendo o compañeiro de cama, de baile ou de baranda que lle tocou en sorte.

Claro que porque quixo, ou porque quixo pillar cacho, porque quixo presumir de ter poder en autonomías e Concellos que antes non cheiraba. Desas choivas veñen estas lamas. Agora ou renuncia e perde poder ou segue presumindo de controlar medio país aínda que teña que soportar os aires infectos que o seu colega de goberno lle ofrece. Non se pode ser decente cando nos casamos coa indecencia política.

Renegar daqueles grupos políticos aos que o PP chama elementos de derribo do Estado é unha falacia. Cando os que segundo o PP pretenden romper España non pode esquecer que xa nos tempos do rei Ramón Berenguer IV, conde de Barcelona, casou coa raíña Petronila de Aragón no século XIII aqueles territorios mantiñan os seus fueros independentes; a súa facenda, a súa moeda, o seu exército, etc. Sería logo cando, no século XV, Fernando de Trastámara, rei de Aragón, casa con Isabel de Trastámara, raíña de Castela, a famosa da “doma e castración de Galicia”, lembran? Máis tarde sería Felipe V, o bisavó do noso ínclito Felipe VI, quen sometería a Barcelona, aínda contra os consellos do seu avó, para que respectara as tradicións dos cataláns e non os sometera manu militari.

Obviamente non lle fixo caso; respostoulle que en España non podería existir nada que non estivera baixo o seu control. Rodeou Barcelona con 20.000 soldados a cabalo que estiveron durante 14 meses sendo alimentados polos recursos dos veciños, que así gritaban que Madrid lles roubaba os alimentos que tiñan para os seus animais. De aí a famosa frase de “Madrid nos roba”.

Finamente sería a traición dun dos embaixadores, supostamente a favor dos cataláns, quen permitiu a entrada e derrube da cidade de Barcelona. Recentemente nunhas escavacións vén de descubrirse os restos daquela Barcelona arrasadas por Felipe V.

“Poden ou deben os cataláns sentirse monárquicos? Boa pregunta para os constitucionalistas de ‘pan de millo”

Poden ou deben os cataláns sentirse monárquicos? Boa pregunta para os constitucionalistas de “pan de millo”.

Nestes momentos temos a un candidato á Presidencia do Goberno, Pedro Sánchez, negociando cos descendentes daqueles cataláns do seculo XIII para que se aveñan a darlle os seus votos para ser investido Presidente.

Cada quen pensa como lle da a gana. Uns dirán que os cataláns non teñen dereitos para reclamar, para voltar aos seus fueros sometidos por un Borbón; outros pensamos que, polo menos, se lles permita decidir libremente que queren ser de maiores. O mesmo ocorre cos vascos e cos galegos. Claro que con nós os gobernos centralistas non teñen problema porque somos tan obedientes que dende que aquela raíña que din nos quitou as bragas ata conquistar Granada nos sometera mandando aos seus comilitóns a colgar dunha árbore aos noso señores feudais, nós non lle prantexamos problemas. Eliximos a un deputado nacionalista, que pode facer o pobriño co seu voto. Ás veces un voto vale ouro; nestes momentos así é pero claro, se tiveramos 5 ou 6, outro galo nos cantaría.

Total, temos o patio revolto. Parecera unha feira ofertando artigos de todo tipo. Feirantes mercando bois e vacas cos seus “lobbys” que tamén existían naqueles tempos das feiras populares aínda que sen tanta presión, claro. Políticos tratando de sacar tallada cos seus votos aos que lle poñen prezo, nalgúns casos un prezo elevado: amnistías, indultos, etc. Por outro lado quédanos unha forza política, a que máis votos sacou nas últimas eleccións xerais pero non suficientes para presentar diante do Parlamento (176 votos) e nomear Presidente.

Esta forza política que todos coñecemos está ameazando con facer un control, non sabemos se democrático ou non. Polo que coñecemos dos últimos tempos creo que todo lle vai valer: mentir, enganar aos seus votantes e outros que non o foron, crear un clima irrespirable para que o novo goberno que poida conseguir constituírse non dure moito tempo. Xa falan de dous anos máximo. Teñen medo que os seus seguidores perdan a fe no proxecto que lle ofrecen se o tempo se alonga.

Como o van conseguir se o novo Presidente consegue ter maioría para lexislar? Aquí está a incógnita. Sabemos que en política sucia todo vale e, nestes momentos, de política limpa, decente, honesta ninguen se acorda. Esperemos a ver que pasa. Nós xa pouco podemos facer, agás denunciar publicamente cada vez que nos enteremos das falcatruadas políticas que ao noso arredor se poidan cometer. Ese é o noso dereito e a nosa obriga.

Saúdos a todos/as. Teñan paciencia ata que as augas se calmen e ver que horizonte nos ofrecen. Din que a esperanza é o último que debemos perder.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»