Esquerda Unida Ponteareas solicita melloras na Praza Bugallal

Para favorecer o seu uso público ante a peonalización do centro urbano

Ponteareas/Esquerda Unida | Desde Esquerda Unida Ponteareas apoiamos en todo momento a peonalización do centro urbano. Non nos apuntamos agora a cabalo gañador, xa no programa electoral do 2019 propoñíamos “transformar o concello para o uso cotiá das persoas. Non deseñar en función das demandas do tráfico rodado privado senón para o desfrute do espazo público. E acadar que as rúas volvan a ser o espazo de encontro, actividade, xogo e aprendizaxe”.

Con todo, contemplamos que en Ponteareas o proceso de transformación urbana se está levando a cabo sen contar coa participación cidadá. Este feito orixina, por unha banda, que a veciñanza en xeral non asimile como positivo un cambio que beneficia a súa vida cotiá e, por outro lado, estanse tomando decisións equivocadas por non ter en consideración as demandas e a experiencia no uso do espazo público por parte da cidadanía.

Un exemplo desta separación entre os proxectos municipais e a cidadanía o podemos contemplar na reforma da praza Bugallal. Desde a súa inauguración foi evidente un defecto deste proxecto: a súa escasa adaptación para ser utilizado nos días soleados do verán, debido a carencia de zonas en sombra e a forte reflexión lumínica procedente dun chan de cor moi clara.

Comprobamos con preocupación como estas deficiencias, sinaladas reiteradamente polas persoas usuarias, non son corrixidas por parte do goberno municipal. Por este motivo desde EU Ponteareas reclamamos: a corto prazo, que se teñan en conta os espazos sombreados polos edificios da contorna para colocar bancos (como as fachadas este e oeste da igrexa); a medio prazo, a instalación efémera de toldos para crear zonas de sombra no verán; e a largo prazo, un esmerado coidado das arbores plantadas na praza para garantir o seu crecemento.

Este afán en acadar zonas de estancia agradables débese trasladar ao resto dos espazos públicos do concello. Polo que reclamamos unha especial atención á hora da colocación de bancos e plantación de arbores, mediante os oportunos estudos técnicos e dando protagonismo á cidadanía na toma de decisións e busca de alternativas.

Este non é un asunto menor, no noso programa electoral tamén defendíamos “deseñar espazos públicos, tanto no medio urbano como no rural, en base a criterios de socialización, da estancia colectiva e de escala humana. Para isto é necesaria a participación cidadá na transformación, revalorización e apropiación do espazo público como hábitat da vida comunal”. Nunha sociedade na que o individualismo impide os cambios sociais necesarios, potenciar o espazo público para a socialización axudará a avanzar cara ao ben común.