Tui | A Axenda Urbana de Tui foi un dos modelos de planificación galegos que foron dados a coñecer no III Foro Urbano de España que se está a celebrar na Coruña.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, participou onte á tarde nunha mesa sobre As Axendas Urbanas en Galicia xunto á alcaldesa de Marín, María Ramallo, e os rexedores de Ames, José Blas García, e de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña.
O mandatario tudenses na súa intervención destacou que “a Axenda Urbana foi unha gran oportunidade de crear un documento de planificación estratéxica” destacando que contou “con moito consenso político e moita participación social”. Enrique Cabaleiro puxo de relevo coma a Axenda Urbana é “un documento que marca a folla de ruta do crecemento e o desenvolvemento da nosa cidade”.
Lembrou o rexedor tudense que Tui foi un concello piloto na redacción deste documento, un proceso que foi complexo e que houbo que realizar en moi pouco tempo, pero afirma que “ao final foi altamente satisfactorio”.
A condición fronteiriza da cidade, incorporando o traballo no seo da Eurocidade, foi un dos piares que marco a redacción da Axenda Urbana de Tui. Nese senso indicaba que precisamente a mobilidade é un dos grandes desafíos do territorio transfronteirizo. O conxunto histórico de Tui, coa súa complexa casuísta, foi outro dos piares tidos en conta no traballo de redacción, xunto á sostenibilidade, tendo en conta o patrimonio medioambiental que ten Tui.
Tamén destacou a importancia dos servizos sociais e da descentralización da prestación neste eido, pondo coma exemplo o programa pioneiro de prevención que se desenvolve en todas as parroquias tudenses coas actividades de “Cultiva a mente” e “Coida o corpo”.
Este III Foro Urbano de España ten nesta edición coma tema “A Axenda Urbana Española: da planificación á implementación”. Enrique Cabaleiro asistiu a distintas ponencias no marco deste III Foro Urbano de España que abordaron cuestións coma a saúde, o reto demográfico, a innovación ou a gobernanza.
Amais, hoxe mesmo, Enrique Cabaleiro, mantivo un encontro coa ministra de Vivivenda y Agenda Urbana, Isabel Rodríguez, no que abordaron os retos e desafíos que a cidade de Tui ten por diante en materia de vivenda e cumprimento da axenda urbana.
Nestes dous días, no marco deste III Foro Urbano de España, o alcalde de Tui, tivo a oportunidade de compartir con outros mandatarios e mandatarias reflexións, experiencias, propostas para abordar retos que os municipios deben afrontar.