Ese Estreito tan grande.

Tras ameazar con “levar á idade de pedra” e “desaparecer unha civilización nunha noite”, o estridente Donald Trump finalmente deu marcha atrás as súas ameazas aceptando un plan de paz de dez puntos ofrecido por Irán que, grosso modo, se erixe como o gran vencedor desta surrealista guerra de 40 días lanzada por EEUU e Israel.

Entre outras, a proposta iraniana estipula reabrir por dúas semanas o Estreito de Ormuz, ruta de tránsito do 20% do mercado enerxético mundial, a cambio de suspender durante ese tempo os ataques. A proposta tamén inclúe demandas prioritarias para Teherán: levantar a totalidade das sancións occidentais e permitir o enriquecemento de uranio. Washington, como o seu aliado israelí, insisten en que Irán non debe ter programa nuclear. Probablemente a instancias de Trump, Israel tamén aceptou o acordo pero deixando claro que o mesmo non debe incluír ao Líbano, a “nova Gaza” que Netanyahu pensa ampliar dentro do seu mesiánico e supremacista proxecto do “Gran Israel” que tanto entusiasma a Trump e a súa “liña dura”.

Non obstante, aceptar negociar con Irán cando se ameazaba coa súa destrución así como convencerse de que Teherán controla prácticamente a totalidade do tránsito no Estreito de Ormuz implica para Israel e EEUU unha severa derrota militar e xeopolítica, determinada polo seu descrédito ante o mundo. A oposición israelí interpretou esta situación como o “maior desastre histórico”, culpando a Netanyahu de non alcanzar ningún dos seus obxectivos nesta guerra. Fontes militares en EEUU analizaron do mesmo xeito este contexto en canto aos plans de Trump.

“Aceptar negociar con Irán cando se ameazaba coa súa destrución así como convencerse de que Teherán controla prácticamente a totalidade do tránsito no Estreito de Ormuz implica para Israel e EEUU unha severa derrota militar e xeopolítica”

Co apoio de Teherán, este acordo estivo precedido polos incesantes esforzos dun actor exterior, Paquistán, que xa presentara un borrador de negociación similar días antes da decisión de Trump de desactivar o ultimátum contra Irán. A partir do 10 de abril, a capital paquistaní Islamabad acollerá a rolda de contactos entre EEUU e Irán para avanzar nas negociacións, un aspecto que fortalece o peso xeopolítico de Paquistán. Pero non é o único actor detrás deste acordo. Turquía, Rusia, China exerceron igualmente un factor de influencia. Moscova e Beijing votaron no Consello de Seguridade da ONU contra a petición de Trump de reabrir o Estreito de Ormuz, argumentando que esa era máis ben unha decisión soberana de Irán.

Así, ese Estreito de Ormuz demostrou ser un coloso xeopolítico difícil de sortear, e máis agora cun Irán que, resistindo ás pretensións imperialistas de EEUU e Israel, é quen controla o tráfico por ese estratéxico espazo.

A tregua deixa a Trump nun difícil contexto político, coa súa popularidade en picada neste 2026 electoral e unha crise dentro do seu movemento MAGA, con sectores contrarios a esta guerra. A alza desmesurada dos prezos do combustible debido ao peche do Estreito de Ormuz aumentou o malestar social en Occidente contra esta guerra impopular. Por outra banda, os pretendidos plans de intervención militar directa en Irán tampouco contaron co apoio irrestrito por parte dos aliados rexionais de EEUU, en especial Arabia Saudita, Emiratos Árabes Unidos ou Qatar, golpeados polas respostas militares iranianas e persuadidos da posibilidade dunha catástrofe global en caso de eventual invasión do país persa.

“Ese Estreito de Ormuz demostrou ser un coloso xeopolítico difícil de sortear”

Con paciencia estratéxica e unha enorme capacidade de resiliencia, Irán logrou asestar unha vitoria xeopolítica contra os seus principais inimigos, EEUU e Israel, incluso desarticulando as súas alianzas. Un exemplo foi a posición europea, reacia a participar neste conflito a tal punto que países como España e Italia non permitiron o uso das súas bases militares para os intereses de Trump. Aparcando o seu trumpismo, a primeira ministra italiana Giorgia Meloni marcou distancias con Washington en canto ao apoio a esta guerra.

A surrealista aventura militar de Trump e Netanyahu definiuse nun fracaso ante un Irán que demostrou a súa capacidade militar, política, estatal e mesmo social para resistir e asestar golpes estratéxicos contra obxectivos rexionais de EEUU e Israel así como doutros rivais como Arabia Saudita, Kuwait e Emiratos Árabes Unidos. A lección foi clara: Teherán puxo “patas para arriba” o comercio mundial e as pretensións hexemónicas do desacreditado eixe Trump-Netanyahu.

A paranoia de Trump e Netanyahu polo cambio de réxime en Teherán confirmouse como unha falacia e unha ilusión pouco realista tomando en conta o apoio da poboación iraniana a un réxime teocrático, hoxe en mans do pretorianismo militar do Corpo da Garda Revolucionaria Islámica (CGRI) que semanas antes dos ataques tivera que afrontar protestas internas. Os erros de cálculo de Washington e Tel Aviv foron tan notorios como a asertividade de Teherán para resistir, responder e obrigar aos seus inimigos a sentarse na mesa de negociación.

Pese á cruenta represión oficial das protestas, a resposta dos iranianos ante a guerra de Trump e Netanyahu foi claramente ilustrativa: defender cunha cadea humana os seus principais activos nacionais. O custe humanitario do slogan trumpiano de “desaparecer a unha civilización” moi probablemente persuadiu a Washington a aceptar esta negociación a última hora.

Con todo, esta incerta tregua abre interrogantes: desistirán Trump e Netanyahu na súa empresa de destruír Irán?; ou imporase una táctica realpolitik que obrigará a un reacomodo ante o novo status quo? Neste paranoico mundo de Trump, nada é seguro.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina. Redactor Xefe de "Foro A Peneira" e "Novas do Eixo Atlántico".

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.