Salvaterra de Miño | Emigrantes traballando en campos franceses en tempos da primeira guerra mundial, unha tradición festiva con traxes rexionais nos anos 60, exemplo de xogos e xoguetes a mediados do século pasado, unha praza de abastos dos anos 50, o arado en familia dun campo nos anos 60, unha romaría a xeito de botellón da mocidade de hai tres cuartos de século, ou unha foto nos álbumes de moitas familias galegas: a da filla nacida cando xa o pai estaba emigrado que, a xeito de postal, chega á outra beira do océano cunhas letras de agarimo no reverso.
Son algunhas das estampas extraordinarias que foron premiadas no III Certame de fotografía “Imaxes do Patrimonio”. Toda unha viaxe pola memoria á que nos convida alumnado galego e portugués, coa colaboración das súas familias e a través da iniciativa da Asociación Ponte… nas Ondas!
O xurado integrárono Anxo Cabada, profesor e fotógrafo, Xerardo Pereiro, profesor e antropólogo, Cristina Sánchez-Carretero, investigadora e antropóloga e, Xerardo Feijoo, membro da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! actuando como secretario con voz e sen voto. O fallo do xurado faise público coincidindo coa celebración do Día Internacional do Patrimonio Mundial.
Traballando co patrimonio inmaterial nas aulas
A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas ondas!, con longa traxectoria de 25 anos na promoción e posta en valor do patrimonio inmaterial, aproveita este 16 de novembro, Día Internacional do Patrimonio Mundial, para poñerlle o ramo ao traballo que durante os meses pasados levaron a cabo ducias de escolas que atenderon á proposta da terceira edición do Certame de Fotografía ‘As imaxes do Patrimonio’, convocado polo colectivo.
A iniciativa parte da idea de que o Patrimonio Cultural Inmaterial é un conxunto inmenso de expresións culturais e de tradicións herdadas do pasado que as persoas preservan e se encargan de transmitir ás xeracións futuras. Desde comezos do século XX ese conxunto de expresións herdadas do pasado e transmitidas de forma oral encontraron na fotografía un valioso rexistro documental.
Co obxectivo prioritario de axudarlle ás novas xeracións a descubriren a existencia dese rico e variado Patrimonio Cultural Común, propúxoselles que buscaran, coa axuda dos docentes e na compaña de seus familiares, aquelas fotos que contivesen elementos dese patrimonio cultural, na procura de elementos e vivencias concretas para constatar, desde o presente, o valor que cumpriron e seguen a cumprir, manifestacións culturais que polo seu simbolismo forman parte da nosa memoria colectiva.
III Certame de fotografía “Imaxes do patrimonio”
FALLO DO XURADO
Reunidos Anxo Cabada profesor e fotógrafo, Xerardo Pereiro profesor e antropólogo, Cristina Sánchez-Carretero investigadora e antropóloga e Xerardo Feijoo membro da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas! actuando como secretario con voz e sen voto, constitúense como Xurado do III Certame de fotografía “Imaxes do patrimonio” e
ACORDAN
1º.- Agradecer aos centros de ensino, profesorado e alumnado a súa participación neste III Certame de fotografía “Imaxes do patrimonio” convocado pola Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas! co que se pretende, como obxectivo preferente, descubrir ás novas xeracións a existencia dun rico e variado Patrimonio Cultural, para o que propuxemos que á iniciativa dos centros escolares os alumnos e alumnas buscaran, na compaña dos seus familiares, aquelas fotos que conteñan elementos dese patrimonio que queremos dar a coñecer. Nas bases e como complemento desta busca solicitabamos que se completara a participación no certame coa inclusión dun texto explicativo da imaxe.
2º.- O Xurado valorou a gran calidade da maioría dos traballos presentados a concurso e o esforzo mostrado na elaboración do texto que acompaña a cada unha das fotografías polo que propón á entidade que convoca o certame que xestione o deseño de actividades que permitan mostrar e difundir as fotografías presentadas, dada a súa calidade e interese, para a súa divulgación e para que sirvan como estímulo e exemplo para outros proxectos educativos similares.
3º.- Logo das correspondentes deliberacións, os membros do Xurado acordan outorgar os seguintes premios nas distintas categorías establecidas polas Bases do Certame,
Categoría Ensino Primario/Ensino Básico
1º Premio: Rafaela Gomes Teles da Escola Básica e Secundaria de Sobreira, Paredes, área metropolitana do Porto
2º Premio: Sira García do CEP Sabarís, Baiona
3º Premio: Maria João Carvalho do Agrup. Esc. Gondifelos. Vila Nova de Famalicao
Accesit:
Mariana Guimarães do Agrupamento de Escolas de Gondifelos. Braga
Categoría Ensino Secundario Obrigatorio / Ensino Secundario
1º Premio: Claudia Vigo do IES Antonio Fraguas. Santiago de Compostela
2º Premio: Claudio da Escola Básica e Secundária do Agrup. de Esc. Muralhas do Minho. Valença do Minho
3º Premio: Greta García Salgueiro do IES Valadares. Vigo
Accesits:
Noelia CAbaleiro Rodríguez do IES Pedras Rubias. Salceda de Caselas
Paula Comesaña Pérez do IES Terra de Turonio. Gondomar
Premio Especial á escola que enviou o conxunto maior de fotografías que, cumprindo as bases do Certame teñan grande relevancia polo seu contido: CEP Sabarís
Aquí as gañadoras da I e da II edición (tamén o acceso ao arquivo completo das imaxes participantes nas edicións anteriores)
http://pontenasondas.org/ii-certame-de-fotografia-imaxes-do-patrimonio-aqui-as-ganadoras/
http://pontenasondas.org/i-certame-de-fotografia-imaxes-do-patrimonio-xa-temos-ganadoras/
Vinte e cinco anos de traballo en prol do patrimonio
A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas!, organizadora do certame, leva vinte e cinco anos traballando na divulgación do Patrimonio inmaterial galego-portugués. Coordinados por docentes galegos e portugueses, milleiros de alumnas e alumnos de escolas de Galicia e Portugal teñen participado tamén en anos anteriores nos certames de Recolla do Patrimonio Inmaterial organizados pola Asociación.
www.pontenasondas.org // www.opatrimonio.org // www.escolasnasondas.com