“Escolas de Fronteiras” une a centros de Portugal e o Sur de Galicia

Un programa da Xunta de Galicia na que participan escolas de Salvaterra, Tui, Xinzo de Limia e Verín

Santiago de Compostela | A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, reuniuse hoxe con representantes dos seis centros educativos que participan no novo programa Escolas de fronteira, a través do que a Xunta de promove as competencias bilingües e interculturais entre centros, docentes e alumnos de Galicia e Portugal.

Neste primeiro curso, participan na iniciativa un total de seis centros que implementaron nos pasados anos accións con centros portugueses. Trátase dos colexios CEIP Plurilingüe Infante Felipe de Borbón (Salvaterra do Miño), CEIP Plurilingüe Nº1 de Tui, CEIP Rosalía de Castro (Xinzo de Limia), CEIP Carlos Casares (Xinzo de Limia), CEIP Princesa de España (Verín) e CEIP Plurilingüe Amaro Refojo (Verín).

A representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades felicitounos pola súa disposición a formar parte desta iniciativa piloto e polo seu interese por tecer redes educativas e culturais cos centros do país veciño. Así mesmo, interesouse polos proxectos desenvolvidos en cursos anteriores en colaboración con centros lusos.

Proxecto conxunto
Escolas de Fronteira busca promover actividades culturais e pedagóxicas, así como a promoción da identidade común dos pobos galego e portugués dentro dunha perspectiva xeral de integración europea e do mundo lusófono.

Para iso, faranse actividades interdisciplinarias que engloben as realidades de ambos os países e, en particular, o territorio fronteirizo no que se atopan as escolas. Cada centro participante realizará un proxecto en conxunto co seu centro espello portugués e promoverase a creación e intercambio de recursos pedagóxicos.

Tamén se impulsará a formación do profesorado. De feito, os docentes encargados do proxecto de cada centro participante realizarán unha formación específica sobre metodoloxía de proxectos multiculturais.

A iniciativa enmárcase dentro do proxecto Escolas Bilingües Interculturais de Fronteira, un proxecto de cooperación entre os gobernos de Portugal, España e as comunidades autónomas coa colaboración da Organización de Estados Iberoamericanos como socio estratéxico.

Conta coa participación da Universidades de Aveiro, da Universidad Complutense de Madrid e centros de formación do profesorado das diferentes comunidades autónomas.