Escolares de Ponteareas implícanse na conservación dos morcegos na contorna do río Tea

Como parte do proxecto CON_CIENCIA_TEA

Ponteareas | Unha vintena de escolares de Ponteareas participaron na colocación de caixas-refuxios na contorna do río Tea, que servirán aos morcegos para o seu descanso diario, a cría e a hibernación.

“Un dos obxectivos desta campaña é ‘mellorar o coñecemento da Rede Natura 2000 e do seu hábitat para conservar o bosque de ribeira no Río Tea, así como as especies autóctonas cun grao maior de ameaza, como son os morcegos forestais”

Esta iniciativa foi deseñada pola concellería de Medio Ambiente do Concello de Ponteareas, que dirixe Rosa Covelo, no marco do proxecto CON_CIENCIA_TEA. Un dos obxectivos desta campaña é “mellorar o coñecemento da Rede Natura 2000 e do seu hábitat para conservar o bosque de ribeira no Río Tea, así como as especies autóctonas cun grao maior de ameaza, como son os morcegos forestais”, segundo indicou a concelleira nacionalista.

Da man do persoal técnico que conduciu a actividade, as mozas e mozos do primeiro curso de educación secundaria descubriron que os morcegos son cruciais controladores de pragas dos cultivos e forestais, ao alimentárense de avelaíñas. Así mesmo, son controladores de vectores de enfermidades, debido ao gran número de mosquitos que consomen. En base aos beneficios que supoñen para a sociedade, todas as especies europeas están protexidas pola lei, o que non evita que teñan problemas graves de conservación, chegando algunha delas a atoparse en risco de extinción.

Rosa Covelo destacou que “a participación da cidadanía é un dos piares deste proxecto, xa que axudará a fomentar o coñecemento científico sobre especies de interese, así como un uso adecuado e respectuoso coa contorna da ribeira do Tea. Involucrar a poboación máis nova é o mellor xeito de manter vivo o orgullo polo noso patrimonio natural”.