• Segue conectado
  • |

Escocia segue a votar nacionalista.

Moitos comentarios xurdidos en Londres e Madrid afirman o fracaso case catastrófico dos nacionalistas escoceses do Scottish National Party (SNP) nas eleccións británicas últimas.

O Reino Unido elixe en circunscricións uninominais (o que gañe por un voto leva o escano) 650 deputados, dos que Escocia achega 59. Nas eleccións do 2015 o SNP obtivo 56 sobre 59, cun 50% de votos, mentres que agora obtivo só 35 (60% dos escanos escoceses), cun 37% de votos. Se a isto lle engadimos que Angus Robertson, vicelíder do partido e Alec Salmond, anterior first minister perderon cadanseus escanos fronte a conservadores escoceses, indubidábelmente a perda relativa foi importante e xustifica a chamada á análise demorada e ao control de danos da líder nacionalista e first minister Nicola Stugeon .

Mais os resultados do 2015 foron absolutamente excepcionais.O propio xornal nacionalista “The National” recoñeceu que mesmo eran freakies. Nas anteriores estatais de 2010 o SNP quitara só 6 escanos. O que ocorreu nas eleccións xerais do 2015 foi que o SNP nucleou todo o voto afirmativo do referèndum do 2014 e unha fracción do negativo, recollendo o anoxo da maioría da cidadanía coas promesas incumpridas dos tres partidos dun incremento substancial da autonomía se a cidadanía votaba NO. Xa que logo, foi o propio electorado laborista, conservador ou lib dem quen non acodiu votar ou prestou o seu apoio ao SNP, diante do desprestixio xeral en Escocia das opcións unionistas.

Nestes dous anos o Partido Conservador Escocés, liderado por Ruth Davidson, muller contraria ao Brexit, de orixe obreira e que confesa abertamente a súa homosexualidade, soubo darlle canle á expresión política de sectores sociais que temen máis a independencia ca o Brexit até acadar o 28% dos votos o xoves pasado. Por outra banda, a progresión de Corbyn mobilizou parte do voto de centro-esquerda escocés a prol dos laboristas, nunhas eleccións en clave bipartidista no que o que se xogaba nos últimos días era se ía gobernar Theresa May ou Jeremy Corbyn.

Xa que logo, o resultado acadado polo SNP na Escocia non foi ningunha catástrofe, senón a clara concreción de que, mesmo nunhas eleccións en clave estatal e bipartidista, a maioría relativa dos votantes escoceses segue a votar escocés.


Advogado. Colabora en varios medios galegos.
Publicado o 13 Xuñ 2017.
AVISO: Esta entrada ten máis de seis meses dende a súa publicación. É posible que o contido esté desactualizado.
Síguenos no noso canal do TELEGRAM

Iniciar sesión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza as cookies para que vostede teña unha mellor experiencia de usuario.
Si continúa navegando está a dar seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
Faga click no enlace política de cookies para maior información. ACEPTAR

Aviso de cookies