Entroido na Cañiza

Co Concurso de Comparsas, Festa Infantil e Enterro do “Rexoubón”

A Cañiza | O Concello da Cañiza anunciou o programa do Entroido 2026 co Concurso das Comparsas, a Festa Infantil e a celebración da 1º edición do Enterro do “Rexoubón”.

O Concurso das Comparsas será o domingo 15 de febreiro. Os participantes desfilarán polas principais rúas da Cañiza acompañadas pola charanga viguesa de Vincios Vai de Baile, ata chegar á rúa Antonio Facorro, onde se realizarán as exhibicións e terá lugar o concurso. O prazo de presentación de solicitudes para participar remata o venres 13 de febreiro, ás 13h. As persoas interesadas poden cubrir o boletín de inscrición nas oficinas da biblioteca municipal.

O concurso contará con dúas categorías: infantil, ata os 14 anos incluídos e adultos, a partir dos 15 anos. Para cada unha das categorías establécense os seguintes premios: 1º premio: 500 €, 2º premio: 300 €; 3º premio: 200 € e 4º premio: 150 €. Ademais, o 1º premio estará dotado con 100 € adicionais destinados á axuda para a confección do boneco do Rexoubón. Todos os participantes terán dereito a unha axuda de 10 €, sempre que completen o desfile, establecéndose un máximo de 400 € por comparsa.

As comparsas serán valoradas atendendo aos criterios de graza do desfile, creatividade e orixinalidade dos disfraces, forza expresiva da comparsa e humor na defensa do disfraz. O desfile do Concurso de Comparsas celebrarase o domingo 15 de febreiro de 2026. No caso de inclemencias meteorolóxicas, trasladarase ao seguinte domingo con bo tempo, establecéndose como data límite o domingo 22 de marzo. Se nesa data non se puidese celebrar, o concurso quedaría definitivamente suspendido.

Festa Infantil. Luns, 16 de febreiro, a partir das 17h na Casa de Cultura da Cañiza. Unha tarde especialmente adicada aos máis pequenos, con música, disfraces e merenda.

Enterro do “Rexoubón”. Sábado, 21 de febreiro de 2026
Como principal novidade do Entroido 2026, o Concello da Cañiza pon en marcha a 1ª edición do “Enterro do Rexoubón”, unha proposta innovadora que nace coa vontade de crear unha actividade festiva e participativa. O termo “Rexoubón” emprégase de maneira simbólica para representar o personaxe do imaxinario popular marmurador, cotilla, trouleiro e mal mete, que encarna todo aquilo do que o Entroido se despide antes da Coresma.

A súa figura servirá como fío condutor dun enterro de parodia. O Enterro do “Rexoubón” celebrarase o sábado seguinte ao Concurso de Comparsas, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan. No caso de non poder realizarse por esta causa, adiarase ao seguinte sábado con bo tempo, establecéndose como data límite o sábado 28 de marzo. Se nesa data non fose posible a súa celebración, o enterro quedaría definitivamente suspendido.

A comitiva fúnebre partirá ás 19.30 horas desde a Carballeira do Cacharado, percorrendo as rúas da Cañiza ata o aparcadoiro do Regueiro, onde terá lugar a cerimonia de incineración do “Rexoubón”, poñendo fin á festa. A inscrición no Desfile-Concurso de Comparsas implica a aceptación da obriga de asistir e participar no Enterro do Rexoubón cun mínimo do 50 % das persoas inscritas en cada comparsa.

Así mesmo, a comparsa clasificada en 1º lugar na categoría de adultos será a encargada da elaboración do boneco do “Rexoubón” e tamén de actuar como portadora do féretro durante a comitiva fúnebre. Todos os participantes no Enterro deberán vestir de rigoroso loito.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.