Entre amizades.

Claro que si, falando entre amizades sempre chegamos á conclusión de que o mal está lonxe anque, e hai que recoñecelo, tamén está aquí no noso arredor. Moito máis preto do que pensamos. E si, a nosa sociedade, ten alzeimer coa súa historia máis próxima, xunto con outras doenzas coma individualités, egoistités, hedonistités, consumistités, …e un longo, pero moi longo etcétera. Aínda hai algo que é peor, está presente nas persoas disimulado nese falar -que non ten cancelas- e, privado dese facer que só se expresa en feitos. Hai, máxica lingua, que é capaz de dicir o contrario do que se fai e do se que pensa. En realidade é a mentira que hoxe cotiza alto en todos os faladoiros e foros de intervención.

Hai alguén que critica as privatizacións pero ao mesmo tempo que o di, por detrás privatiza canto pode e invita a outros a facelo e, mesmo, promove esa privatización teimuda onde abeiraban dereitos sociais. Igual pasa nos concellos que des-municipalizan servizos e por desgraza tamén partidos moi nosos, que tampouco lle fan moitos ascos a iso de privatizar dándose de esquerdas. Fano con sixilo e nocturnidade. Din por un lado e fan polo outro o contrario do que din e pregoan, mesmo prometeron.

Son, somos, resultado desas mamarrachadas históricas de masas que se ocultan en artificios e que nos fan pasar diante dos demais por parvos. Espectacularizan o poder, nese fanatismo de ocultar e ocultarse. Deberían saber que esa covardía pode manterse encuberta, pero cando se descobre alenta xenreiras e rancores que despois ninguén controla nin asume e, en todo caso, sempre polarizan e enfrontan, dividen. Supoñen unha ofensa, no exceso de non crer nin a súa evidencia, pois néganse a si mesmos. Habitan a mentira, a falta de compromiso e de definición. Esa que sabe quen é a persoa que agride e quen é foi agredido, que sabe quen rouba e quen foi roubado, que sabe quen foi vítima e quen verdugo. Non debemos deixar que se oculten en boas maneiras, en verbas sedutoras e desculpas imprecisas cheas de adornos. Detrás dunha voz sonora e chea de razóns, de veludo nese encanto das sereas pardas. Sabemos que o seu delito vén sendo un suicidio colectivo. Se non somos quen de saber onde estamos e facer o que debemos, merecemos pasar polas que pasemos. Unha sociedade, calquera, ten que se facer cargo de ser quen é e berrar loitando para que así se recoñeza o noso lugar no tempo e no espazo.

“Son, somos, resultado desas mamarrachadas históricas de masas que se ocultan en artificios e que nos fan pasar diante dos demais por parvos”

É vergoñenta, por exemplo, a declaración do Concello de Mos tapando ou querendo faltar á actitude exemplar de Galiza na “Vuelta”. Falan de que “trataron de impedila en varios puntos da mesma”. Pero, é máis importante a carreira ciclista que dar conta de todas as agresións sufridas? Quen son os que mandan en Mos, que non se atopan e non se dan conta. Orgullosos da actitude da Galiza ao ver esas interrupcións e ver, desde onde non pasa a carreira outra xente que é quen de erguer a bandeira Palestina, a verdade. Esas equidistancias peregrinas que creou esta sociedade crea a posibilidade de poder estar con Palestina e vender armas a Israel. Pero nós non debemos caer na trampa!

Non entendo tampouco que aqueles que sofren exclusión se sumen aos discursos excluíntes. Parece que estamos todos tolos. Este é o resultado das urxencias, dos desgobernos, do cinismo, dos acenos compasivos dos que rouban e tiranizan, da multi-funcionalidade das redes “sociais” onde cada quen campa como lle peta, desde anonimatos ou desde foros odiadores que catapultan a calquera, para que se someta. Alí están, onde se perde o rostro e todos miran o baleiro, nese lugar exacto da podremia onde cada quen espeluxa aos demais e fai da súa capa un saio. As feridas quedan, somos sociedade ferida por mor da vontade obtusa dos traidores. Que non esquezan isto: a capacidade de perdoar non a ten todo o mundo e algúns delitos perduran máis alá das limpas memorias.

Mestre e músico.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.