Vigo | Os tradicionais Brindis de Nadal e de Aninovo dos partidos políticos adquiren en Vigo unha cor especial. En medio das luces que engaiolan a cidade olívica, o PSOE e PP locais aproveitaron estas celebracións para tomar o pulso e marcar o rumbo da axenda política 2024 coa vista posta nas eleccións autonómicas do vindeiro 18 de febreiro e nas posibilidades que Vigo, demograficamente a maior cidade galega, pode ofrecer.
O primeiro en dar o ‘pistoletazo de saída’ destes brindis navideños foi o PP. Arroupando ao seu presidente Alfonso Rueda, os ‘populares’ realizaron a súa cita cos seus militantes o 18 de decembro acompañados do presidente provincial Luís López, da presidenta do PP vigués Marta Fernández-Tapias e do histórico dirixente local Chema Figueroa.
O momento era propicio para marcar as coordenadas políticas en clave galega ante o convulsionado ambiente a nivel estatal. O obxectivo: alcanzar a quinta maioría absoluta do PP na Xunta de Galicia desde 2009.
Amparado na súa abraiante maioría parlamentaria (42 dos 75 deputados no Parlamento galego) Rueda anticipou nun día o anuncio da aprobación dos Orzamentos da Xunta 2024, sendo Galicia “a primeira Comunidade Autónoma en aprobalos”. E xa que estamos, Rueda non desaproveitou a ocasión para lanzar sinuosos ‘avisos de navegante’ en clave electoral. Tres días despois deste acto de Nadal en Vigo, e tras realizar un Consello da Xunta, o presidente galego anunciou o adianto electoral para o 18 de febreiro. Por certo, o de Vigo foi unha cita importante para dar a coñecer o bus de campaña de Rueda e do PP: “Galicia non Para.”
Unha semana despois, o 27 de decembro, tocoulle a quenda ao gobernante PSOE, co seu Alcalde Abel Caballero en primeira fila. Acompañado da senadora e ex presidenta provincial Carmela Silva, do deputado no Congreso e ex delegado de Estado para a Zona Franca David Regades, de altos cargos como o deputado provincial Carlos López Font, da ex ministra Elena Espinosa e do ex candidato autonómico Gonzalo Caballero, o Alcalde non foi menos que Rueda para aproveitar a ocasión para lanzar a súa mensaxe de Nadal en clave política e electoral.
E, como Rueda, Caballero facíao tamén cos ‘cartos na man’: o Orzamento 2024 viña de ser aprobado na Corporación Municipal de Vigo amparado pola súa maioría abraiante: 18 concelleiros votaron a favor por 8 en contra. Con 316 millóns de euros, Caballero ten a man o considerado como “o maior orzamento da historia de Vigo”, crecendo nun 50% (8 millóns de euros) en investimentos co respecto ao 2023.
En “tempo e forma”, como ben lle gusta dicir, Abel Caballero tamén quixo aproveitar a cita de Nadal cos militantes socialistas vigueses para marcar o rumbo político das vindeiras semanas: “gañamos as municipais; gañamos as xerais; e gañaremos as autonómicas en 2024” para “seguir refacendo Vigo e Galicia”. E así aproveitou na súa mensaxe para agradecer á cidade pola “súa lealdade ao proxecto” que está facendo de Vigo “unha cidade distinta, admirada e de importancia no escenario político. Unha cidade única para a democracia en Europa” con “tres maiorías absolutas consecutivas e cinco maiorías de goberno conseguidas”. Para 2024 pediu “coordinación” en tódolos niveis: “conmigo gobernando Vigo, con Pedro Sánchez gobernando España e con Besteiro (candidato socialista) gobernando na Xunta”.
O Nadal é festa, rencontros, familia, celebracións, agasallos. Pero tamén é política. E en Vigo, coas luces do Nadal como trasfondo, a política ten tamén outra ‘iluminación’. E máis cando temos unhas eleccións autonómicas á volta da esquina. Alfonso Rueda e Abel Caballero sábeno moi ben e así o asumiron.