En Tui, o 25N será “O noso corpo, campo de batalla”

O Día contra as violencias machistas terá un acto central coa comunidade escolar e outro coa cidadanía

Tui | Co rotundo lema “O noso corpo, campo de batalla” o Concello de Tui alza a voz contra as violencias machistas e reivindica os dereitos da mulleres. Vaino facer cun amplo programa de actividades, con motivo do 25N, que abranguerá diversos ámbitos dende a educación, a cultura, o deporte, a formación, o pensamento, a comunicación, e a acción social e política.

O lema escollido, “O noso corpo, campo de batalla”, inspírase na obra de Barbara Kruger Your Body Is a Battleground, símbolo da loita polos dereitos das mulleres. O cartel deste 2025 é obra de Paula Mayo, Ilustradora, deseñadora gráfica, maquetadora, infógrafa, deseñadora textil e editorial.

A concelleira de Igualdade, Ana Núñez, explica que baixo o lema deste ano, “O noso corpo, campo de batalla”, queremos “reflexionar sobre como os corpos das mulleres seguen sendo obxecto de control, violencia e desigualdade, e ao mesmo tempo, símbolo de resistencia, dignidade e liberdade”. Engade Ana Núñez que “no momento que vivimos de forte incerteza marcado pola desinformación, a polarización e o avance das violencias machistas” , neste 25N ocupamos o espazo público, reivindicando os nosos dereitos e clamando contra a desigualdade e a barbarie que segue a someter á metade do mundo”. Este ano, ademais, sinala Ana Núñez incorporamos “a denuncia da masacre en Gaza, onde as mulleres e nenas sofren con especial crudeza as consecuencias dun conflito marcado pola lóxica patriarcal e polo uso dos seus corpos como campo de Batalla”. O programa previsto abrirase o próximo mércores, 19 de novembro, coa presentación do libro “As trampas da pornografía” por parte das súas autoras Chis Oliveira, Priscila Retamozo e Amada Traba.

O venres 21 celebrarase o acto “Tui coas mulleres de Gaza” coa actuación da cantante galego-palestina Najla Shami e coa lectura colectiva de textos poéticos, literarios, xornalísticos, políticos nas voces de diferentes persoas comprometidas ante o xenocidio de Gaza.

O sábado 22 A Panadaría representarán o Teatro Municipal “As que limpan”.

O martes 25, Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller, haberá un acto central ás 12 h coa comunidade escolar no que Mery Pais presentará a acción performativa colaborativa “Voces pola Igualdade” e Silvia Penas a acción escénica “Cortar, refogar, afogar”. O alumnado dos centros educativos dará lectura aos manifestos que elaboraron polo 25N. Xa pola tarde, ás 18.30 h, desenvolverase o acto central coa cidadanía no que se contará coa lectura do manifesto, a acción performativa “Miña Pequena” de Constance Hurlé e a actuación de cantautora Sofía Espiñeira.

Por outra parte, en colaboración co Cineclub Tui, o xoves 27 proxectarase o documental “El techo Amarillo” de Isabel Coixet.

Ao longo das próximas semanas, nos centros de ensino secundario desenvolveranse varios obradoiros a cargo de Pepe Cabido e Chis Oliveira, dirixidos a fomentar a reflexión crítica da mocidade sobre a igualdade e a prevención das violencias machistas.

Programación
– Mércores, 19 de novembro, ás 19.00 h no Espazo Sociocultural, r/ Camilo José Cela
– Presentación do libro “As trampas da pornografía” coas autoras Chis Oliveira, Priscila Retamozo e Amada Traba.
– Venres, 21 de novembro, ás 19.00 h no Espazo Sociocultural, r/ Camilo José Cela
– Acto “Tui coas Mulleres de Gaza”, coa actuación da cantante galego-palestina Najla Shami e unha lectura colectiva.
– Sábado, 22 de novembro, ás 20.00h no Teatro Municipal
– Obra de teatro “As que limpan”, de A Panadaría. Entradas en tui.gal.

Martes, 25 de novembro
– Ás 12.00h no Teatro Municipal. Acto central 25N coa comunidade escolar.
– Acción performativa colaborativa “Voces pola igualdade” de Mery Pais
– Acción escénica “Cortar, refogar, afogar” de Silvia Penas.
– Lectura dos manifestos elaborados polos centros educativos.

Ás 18.30h na Praza do Concello
– Acto central 25N coa cidadanía.
– Lectura do Manifesto
– Acción performativa “Miña Pequena” de Constance Hurlé
– Actuación da cantautora Sofía Espiñeira
– Xoves, 27 de novembro, ás 19.00h no Espazo Sociocultural, r/ Camilo José Cela
– Proxección do documental “El techo amarillo” (2022) de Isabel Coixet. En colaboración co CineClub de Tui.
– Obradoiros de Pepe Cabido e Chis Oliveira nos centros de ensino secundario.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.