En marcha o Pacto do Rio Minho

A AECT Rio Minho quere por en valor o río como recurso natural, económico e cultural

Valença | A AECT Rio Minho vén de reunirse este mércores 13 de agosto en Asemblea Xeral na súa sede situada no municipio luso de Valença do Minho. Durante a xuntanza, estiveron presentes os propios membros da asamblea, así como presidentes da Agrupación, alcaldes e alcaldesas dos concellos e presidentes e membros das Cámaras Municipais, pertencentes á mesma, onde foi tratado o proceso de creación do Pacto do Río Minho.

Con este novo pacto, búscase definir a metodoloxía de traballo, a implicación das entidades relevantes así como a preparación de propostas concretas para a defensa deste curso de auga internacional.

No marco deste debate, reiteráronse problemas estruturais que requiren dunha acción urxente destacando o asolagamento do leito, que compromete a navegabilidade e dificulta a actividade pesqueira; tamén se tratou a problemática da proliferación de especies exóticas invasoras e, no mesmo sentido que o primeiro punto, as consecuencias das variacións de caudal.

En concreto, a Asamblea acordou por unanimidade formalizar as solicitudes ás entidades competentes, concretamente á Comisión Interministerial de Límetes e Concas Hidrográficas Luso-Españolas (CILBH), entidade coa que se mantivo unha reunión o pasado mes.

Alí, foron solicitadas as seguintes cuestións: a inclusión dos temas tratados na axenda da próxima Cimeira Ibérica, a clarificación do marco xurídico e operativo da xestión do río Miño debido ao seu carácter internacional, a formalización de acordos bilaterais que permitan intervencións inmediatas e o reforzo dos mecanismos de gobernanza conxunta e a elaboración dun Plan de Acción Extratéxico que inclúa medidas de seguemento, un plan de dragaxe plurianual, control de especies invasoras e unha xestión sostible do caudal.

O director da AECT Rio Minho, Jose Manuel Vaz Carpinteira, reafirma así a “total dispoñibilidade da agrupación” e afirma que a través de reunións como a mantida coa CILBH búscase “atopar solución aos principais problemas do río como as inundacións ou as especies invasoras tan prologadas no tempo”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.