En Huelva tamén celebran a Romaría de San Telmo

O Alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, asistiu á festividade da Hermandad de San Telmo

Tui | O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, participou esta pasada fin de semana na Romaría de San Telmo que organizan anualmente, no terceiro domingo de maio, a Hermandad de San Telmo na localidade onubense de Minas de San Telmo. O rexedor respondeu así ao convite realizado pola Xunta Directiva desta Irmandade.

Na noite do pasado venres, 16 de maio, o rexedor tudense asistiu ao actos protocolarios da lectura do pregón cos que se abre esta romaría. Nos mesmos tamén participou a alcaldesa de Cortegana, María del Mar Martín Florido, municipio ao que pertence a localidade de Minas de San Telmo, xunto con outras autoridades da comarca.

Dende o ano 1973 os veciños de Minas de San Telmo, ao norte da provincia de Huelva, celebran esta romaría consolidada ao longo destes anos. Dende 2011 se estableceron relacións coas confrarías de San Telmo de Tui e Frómista, compartindo a devoción e o culto á figura de San Pedro González Telmo. Ao longo destes anos teñen consolidado a relación de amizade coa confraría tudense formalizando incluso un acordo de irmandade entre ambas.

Enrique Cabaleiro expresou a súa satisfacción pola acollida da que foi obxecto nesta localidade onubense. Amosou a súa sorpresa pola intensidade da devoción á figura compartida do noso patrón San Telmo que as xentes de Minas de San Telmo viven e celebran con intensidade. O alcalde tudense convidou á Hermandad de San Telmo a visitar a nosa cidade en 2026, co gallo da celebración do oitocentos aniversario da consagración da catedral de Tui.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.