En Arbo, “Ven ao teu Mercado tamén no Nadal”

Campaña de promoción na Praza de Abastos

Arbo | O Concello de Arbo, en colaboración cos comerciantes da Praza de Abastos, lanzou por cuarto ano consecutivo a tradicional campaña “Ven O teu Mercado Tamén no Nadal”.

Esta iniciativa, que promove as compras nos establecementos do mercado local, busca fortalecer a economía da comunidade e ofrecer ás consumidores opcións de produtos frescos e de tempada nunha contorna próxima e familiar. Desde o 18 de novembro ata as 13.00 horas do 20 de decembro, a campaña convida os clientes a realizar compras nos distintos postos e tendas da Praza de Abastos. O período promocional está deseñado para captar a atención de consumidores habituais, así como para atraer a novos clientes, fomentando a fidelidade e o apoio aos pequenos empresarios locais na tempada do Nadal.

O peche da campaña culminará cun sorteo que repartirá premios entre os participantes, consolidando o seu carácter participativo e comunitario.O sorteo terá lugar o 20 de decembro ás 13.00 horas na Praza do Mercado. En palabras dun representante municipal, Horacio Gil “impulsar as compras na Praza de Abastos non só apoia a quen traballa nela, senón que tamén garante que a tradición do noso mercado perdure para as futuras xeracións, enriquecendo a vida social e económica do pobo”.

Para participar, as persoas maiores de 18 anos que realicen unha compra en calquera establecemento ou posto de venda dentro da Praza de Abastos deberán completar a papeleta entregada no momento do pago, proporcionando os seus datos e teléfono de contacto. Posteriormente, deberán depositala na urna habilitada no mesmo mercado. A participación é individual e gratuíta. Os premios consisten en tres cestas da compra, que serán entregadas aos gañadores nun acto programado para o 23 de decembro na Praza do Mercado.

O alcalde de Arbo, Horaci Gil, manifesta que “Estes premios buscan recoñecer a fidelidade dos clientes e agradecer o seu apoio, ademais de promover as compras no comercio local nunha época na que a demanda por produtos frescos e de tempada adoita incrementar. O comercio na Praza de Abastos de Arbo representa unha peza fundamental na economía local, xa que permite aos pequenos empresarios ofrecer produtos de calidade, frescos e de tempada, directamente ao consumidor.”

O Concello de Arbo, a través das súas autoridades, destaca a importancia destas iniciativas para fortalecer a cohesión comunitaria e promover un consumo máis consciente e de proximidade.

Co obxectivo de seguir promovendo este ciclo de compra local, as autoridades convidaron á cidadanía para aproveitar esta oportunidade para colaborar na preservación e fortalecemento do comercio tradicional. A campaña “Ven O teu Mercado Tamén no Nadal” reafirma o compromiso do Concello e os comerciantes de Arbo cun modelo de consumo responsable que pon en valor os recursos, a cultura e as tradicións da localidade. O final da campaña espera que sexa un momento de celebración e recoñecemento aos clientes e comerciantes que participan nela.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.