
Rexentora da libraría Lemos en Salceda, Marga Soto asume a presidencia da Asociación de Comerciantes e Industrias de Salceda (ACISA), unha entidade de 87 socios co obxectivo de dinamizar o comercio local no municipio. Soto posúe unha ampla traxectoria de 22 anos dentro de ACISA, da que estivo involucrada tamén como membro da súa xunta directiva.
Nova xunta directiva con Vde. como presidenta. Que retos se presentan nesta nova etapa?
Tentar impulsar proxectos para dinamizar o comercio local. O obxectivo é realizar cada mes unha actividade coa hostalería, comercio, etc. Estamos agora coa campaña do Día do Pai, temos pensado facer unha actividades cos nenos para Semana Santa. Tamén imos involucrar ao Concello coa “Feiriña do Libro”, facela mais grande integrando tamén á hostalería, non só as librarías.
O comercio online impón o seu ritmo e as súas pautas, o cal tamén afecta ao comercio local. Que iniciativas ten en mente ACISA para fortalecer o comercio local?
Existen algunhas empresas e comercios que xa facían comercio online. Este é un reto que xa se propuxera co Concello no cometido de crear unha asociación que englobara a todos estes comercios. Hai un gran volumen de comercio online en Salceda con diversas empresas como Amazon ou Shein.
Como cualifica a relación de ACISA co Concello?
Temos unha boa relación tomando en conta que o Concello se implica nas nosas actividades.
A xunta directiva está íntegramente conformada por mulleres. Podemos dicir que o comercio salcedense “ten nome de muller”?
Creo que a maioría dos comercios de Salceda está en mans de mulleres. No caso da hostalería hai maior presenza masculina.
“Creo que a maioría dos comercios de Salceda está en mans de mulleres”
Un dos proxectos é colaborar cos centros educativos dentro da campaña do Día das Letras. É a lingua un factor estratéxico e de sensibilidade para ACISA?
Si porque aquí se fala moito o galego ademáis de que é a nosa lingua e queremos que se valore. En ACISA todo o que facemos vai en galego.
A nivel comarcal, ten ACISA relación con outras asociacións similares?
De momento non. Non obstante, estamos dentro na Federación de Comercio de Pontevedra.
Salceda está aumentando poboación, moita dela xente xoven e de orixe inmigrante. Ten ACISA proxectos en mente para atraer a mais cidadáns ao municipio?
De momento non pero estamos valorando iniciativas.
A proximidade coa PLISAN, beneficia ou afecta ao comercio e industria locais?
Supoño que pode beneficiar se trae mais poboación a Salceda. O que non sabemos de momento é como pode afectar en materia de contaminación, etc. Con todo non creo que o comercio de Salceda esté excesivamente preocupado pola presenza da PLISAN.





