“En 2022 gustaríanos que o Festival de Cans volva a maio, e volver á primavera”

Alfonso Pato | Director do Festival de Cans

O Porriño | O XVIII Festival de Cans celébrase do 1 ao 4 de setembro de 2021 na xa mítica parroquia porriñesa. O seu director Alfonso Pato fixo un balance deste singular evento cultural e audiovisual, así como do futuro deste festival que xa é unha marca de identidade para O Porriño e incluso para Galicia.

Coa súa XVIII edición, o Festival de Cans chega a súa maioría de idade. Que balance podes realizar en todo este tempo?
Non podo mais que facer un balance moi positivo. Nunca tal pensamos cando comezamos hai 18 anos, case como unha brincadeira, que o Festival de Cans ía chegar a ser o que é. Estamos moi orgullosas e orgullosos de ter medrado, de ternos expandido e de ter andado polo mundo sen perder nunca a nosa esencia. Poidemos ter medrado, pero sempre con criterio: ser fieis ós nosos principios, á nosa identidade é á nosa singularidade. A nosa máxima é intentar non autotraicionarnos.

“Nunca tal pensamos cando comezamos hai 18 anos, case como unha brincadeira, que o Festival de Cans ía chegar a ser o que é”

O Concello do Porriño duplicou a 40.000€ o apoio ao Festival. Está consolidado este apoio institucional para futuras edicións?
O mais importante de todo é que se trata dun acordo histórico votado en pleno por unanimidade por todas as forzas políticas que compoñen a corporación municipal de O Porriño. Como director do Festival de Cans estoulles moi agradecido a todos estes partidos, pero eu sempre digo que os billetes dos cartos públicos non os tira unha avioneta que pasa polo ceo. Os festivais, os eventos e os cidadáns en xeral temos que ter unha conciencia da responsabilidade que supón usar recursos públicos. E nesa responsabilidade está rendir contas e xustificar correctamente ata o último euro. As institucións deben ser esixentes e os organizadores de eventos debemos ser responsables cos recursos públicos.

Asinamos un novo convenio, pero tamén é certo que o Festival de Cans asume moitas máis responsabilidades, como facer un ciclo de cine polas parroquias, ou moitas cuestións de loxística que antes asumía o Concello. Ademais tamen contratamos case 150 persoas, xeramos un impacto económico e, por suposto, devolvemos moito as arcas públicas pagando impostos. O mais importante é que todos os grupos políticos teñen unha idea clara do que Cans representa para o Concello de O Porriño, do seu significado e da marca de identidade que supón mesmo no contexto galego.

“O mais importante é que todos os grupos políticos teñen unha idea clara do que Cans representa para o Concello de O Porriño”

Na presentación desta edición falabas de “tres R”: responsabilidade, resistencia e rebeldía. Isto define o “ethos”, a identidade, do Festival nestes tempos de pandemias?
Posiblemente sexan estas tres “erres” os motores de Cans nestes tempos de pandemia. Témolo pasado moi mal nestas últimas dúas edicións. Facemos o festival con moita ilusión e con moito esforzo, pero ás veces é desesperante traballar nestas circunstancias tan complexas e tan desconcertantes. É como camiñar sobre áreas movedizas. En 2022 gustaríanos volver a maio, e volver á primavera, a nosa estación natural. Volver ver os chimpíns circulando entre as flores.

O Festival de Cans consolidouse dun xeito non previsto nin sequera polos propios organizadores, ao noso entender. Cal pode ser o teito dun proxecto cultural coma este nado nunha aldea como Cans? Ou cre que non existe teito?
Todo o que era unha singularidade, agora mesmo é un atranco para medrar. Ter ‘jalpóns’ está moi ben e da moita singularidade, pero se queremos estrear un filme de gran proxección, se queremos facer unha retrospectiva internacional de nivel ou se queremos ter máis días con máis longametraxes, precisamos dunha infraestrutura maior.

Pertencemos a un concello onde ó longo de varios gobernos, as infraestruturas culturais foron nulas. Non houbo unha aposta neste sentido. Todo se planteou enfocando as inversións cara infraestruturas deportivas -que está moi ben- pero ninguneando os espazos para a cultura, o cal é unha clara declaración de intencións.

Alfonso Pato montado no tradicional “chimpín” na inauguración do XVIII Festival de Cans.

“É moi triste que, dezaoito anos despois de comezar o Festival de Cans, e nunha cidade que rebasa os 20.000 habitantes, sigamos tendo as mesmas dotacións, que hai anos”

É moi triste que, dezaoito anos despois de comezar o Festival de Cans, e nunha cidade que rebasa os 20.000 habitantes, sigamos tendo as mesmas dotacións, que hai anos que pasaron a ser moito peores que moitas parroquias dos arredores. Esta cidade de 20.000 habitantes ten un auditorio en cuxa sala principal poden entrar 170 persoas. Case ten mais aforo o salón de actos de calquera centro de ensino.

Non ter infraestruturas, obviamente, condiciona o crecemento do noso festival, ou calquera outro evento de maior dimensión que se queira celebrar. Gustaríanos que a dimensión que está tendo o Festival de Cans axudase a tirar por esa necesidade de infraestruturas culturais.

“É preciso un relevo xeneracional e niso estamos traballando pouco a pouco”

Unha vez que Alfonso (PATO) teña que deixar o barco, quedarán “capitáns” que poidan seguir con este proxecto tan ilusionante e complicado ao mesmo tempo?
Eu sempre digo o mesmo. Se cando eu e varios compañeiros e compañeiras meus non esteamos, o festival desaparecese, personalmente consideraría un fracaso todos estes anos de traballo. Non sempre imos estar aquí as mesmas e os mesmos. É preciso un relevo xeneracional e niso estamos traballando pouco a pouco, intentando incorporar a persoas novas e comprometidas co festival que veñen por detrás nosa. Un dos grandes retos do Festival de Cans a medio prazo será preparar unha transición cara un relevo xeneracional.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»