Elena Pérez preside a Sala do social do Tribunal Superior de Xustiza de Cantabria

Nada en Sober, estudou EXB nesta vila e Dereito en Oviedo

Sober | A Sala do social do Tribunal Superior de Xustiza de Cantabria (TSJC) está presidida por unha soberesa, Elena Pérez. Licenciada en Dereito pola Universidade de Oviedo cun ano de antelación, os seus pais rexentaban no seu municipio natal unha tenda de ultramarinos e coloniais chamada Casa Parola, fundada a comezos do século XX e pechada no ano 2002. O seu pai, Pepe Parola, tamén foi Xuíz de paz, unha autoridade local non profesional que imparte xustiza (fomentando solucións amigables) en municipios que carecen de xulgado de primeira instancia, ata o seu falecemento en 1998.

Elena Pérez estudou Educación Xeral Básica (EGB) no colexio Virxe do Carme de Sober e na súa localidade formou parte da Coral Polifónica da Escolanía e a banda de música. Os seus estudos musicais finalizounos no conservatorio de Ourense, cidade onde estudou Bacharelato nas Carmelitas, recibindo Matrícula de Honra. Ademais de licenciada, é doutora en Dereito e maxistrada da Sala do social do TSJC desde o ano 2008.

Traxectoria profesional
En 2001, Elena Pérez ingresou na carreira xudicial. O seu primeiro destino foi o xulgado único de Padrón (A Coruña) e cinco anos despois accedeu á categoría de maxistrada especialista por oposición na orde social (foi a número dous da súa promoción) e destino na Sala do social do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid, aínda que de inmediato solicitou praza en Santander, para pasar a exercer a súa magistratura en Cantabria.

Elena Pérez é delegada de discapacidade do TSJC desde 2015. As súas funcións neste ámbito consisten en coordinar, promover e impulsar actividades non xurisdicionais cuxo fin é que as persoas con discapacidade non sufran discriminación ao relacionarse cos órganos xudiciais. Foi membro da Rede Xudicial Europea entre 2018 e 2024. Desde entón está integrada na Rede Europea de Expertos en Dereito da Unión.

Como docente, participa habitualmente nos cursos de formación centralizada e descentralizada do Consello Xeral do Poder Xudicia; é profesora habitual nos cursos de verán da Universidade de Cantabria e forma parte da Cátedra de Prevención de Riscos Laborais da Universidade de Cantabria-ICASST.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.