Eleccions á vista.

Estamos en primavera e parecera que xa entramos de cheo no verán. Está claro que a atmosfera anda revolta, aínda que non falten os que din son cousas dos políticos. É certo que os politicos son culpables de moitas cousas que nos pasan pero do cambio climático que xa sufrimos non; diso todos somos culpables. Como? Bueno iso leva tempo explicalo e hoxe debemos falar do máis inmediato: das eleccións do vindeiro 28 deste mes que andamos.

Resulta obvio que cando estas datas se aproximan, e fano cada catro anos ou menos, nalgúns casos, os que xogan á política traten de presentarse coas súas mellores galas. Por isto non lle debemos rifar. O que xa resulta menos tolerable é que nos mintan de forma descarada; que non sexan quen de aceptar nada do seu adversario, que non manteñan unha mínima cortesía; ese fair play (xogo limpo) que diría un francés.

Non por moito repetilo algo vai convertirse en verdade se non reúne as condicións mínimas para aceptalo como tal. Pero nestes momentos temos que asistir, escoitar, presenciar, discursos, por chamarlle dalgún xeito (sen que Platón ou Aristóteles se enteren) que sabemos, alomenos os que pretendemos estar medianamente informados, son embustes, mentiras, falsidades. Claro que neste campo xogamos en desventaxa porque os donos do balón móveno como lles peta; mellor, como lle vaia ben aos seus intereses. E chegados a este punto atopámonos coa presencia dos medios de comunicación que dan unha cobertura indecente a estes discursos que saben, xornalistas e directores, que non reúnen as mínimas condicións para presentalos diante da audiencia como información que os cidadáns deban coñecer. É dicir, saben que están manipulando aos lectores, aos radiointes e aos televidentes e non lle doen prendas por facelo.

Hoxe só podemos facer unhas indicacións superficiais; tratar a fondo esta cuestión levaríanos moito mais espazo e tempo do que dispoñemos neste humilde editorial.

Pero como din os do Val Miñor, imos lá.

Eu cheguei ao xornalismo dende as aulas de centros de ensino. A enseñanza foi a miña profesión e segue a ser a miña debilidade. Por iso podo presumir; si presumir, de observar a función dos medios dende unha plataforma mental diferente a como a poden ver os xornalistas que viven da pluma (hoxe temos que falar de ordenadores); antes chamábanlle plumillas.

Por esta especial situación dediqueime nos últimos 40 anos, alomenos, a estudiar, analizar, comprender, coñecer as tripas do mundo da información. Está claro que soamente puiden coñecer a toa, chegar ao fondo do problema é cousa de moitos mais anos e capacidades das que non podo presumir. Pero co que teño coñecido, cos cartos que me ten costado esta empresa, creo estar en condicións de afirmar que os medios, en xeral, e sobre todo os de mais poder de influencia, son tóxicos. Cando deberan ser as fiestras polas que os cidadáns puideran coñecer o mundo que os rodea, as cousas que están mais aló do seu alcance material e físico, transfórmanse nunha droga aditiva que non lles permite pensar, reflexionar, coñecer que hai de verdade de todo o que lles presentan como tal. Pero se ata agora os medios en papel eran determinantes para ter aos lectores “drogados”, nestes momentos temos que sumarlle os chamados medios dixitais, sen entrar na tan esperada IA (intelixencia artificial). Un simple móbil pode ter aos cidadáns tan embobados sen capacidade de resposta nin de reflexión que podemos afirmar, sen temor a equivocarnos,  que viven nun mundo paralelo.

E que fan os protagonistas políticos que se presentan para ofrecernos un mundo mellor?
Pois xa ven. Cada quen acusar ao seu contrincante de que resulta ser unha  rémora social, de que é preciso eliminalo directamente (por medios pacíficos,  obviamente) para que non siga corrompendo á sociedade. E aí están presentes os medios como auga de maio. Non temos máis que botarlle unha ollada aos titulares das portadas. Algúns non precisamos ver o interior. A carga ideolóxica que rezuman  os titulares xa nos indica como será o sabor do que atoparemos no interior.

Chegados a este punto estou seguro que Vdes. moitos de Vdes, estarán dicindo, pero este señor como se atreve a facer afirmacións tan categóricas sen presentar proba algunha. E debo confesar que teñen razón, pero xa lles indicaba nun principio deste escrito que o fondo da cuestión, alí onde podemos examinar as tripas do que nos ofrecen os medios, era labor máis complexa. Pero, sen embargo, non vou rematar sen darlles algunhas pistas. Aquel que queira coñecer se minto ou digo a verdade non ten mais que seguilas. Iso si, debe facelo sen apriorismos senón coa intención sana de coñecer a verdade. En caso contrario o experimento perde validez.

Ben, comencemos.

De todos é coñecido que nos últimos tempos os xornais pasan por situacións económicas delicadas. Non vou estenderme neste punto porque sería tema doutro editorial, pero si dicirlles que todos, e cando digo todos poden crerme, tratan de sobrevivir despedindo  traballadores, reducir páxinas, eliminar corresponsais no estranxeiro, etc. aínda que todas estas medidas non teñan sido suficientes para manter o tipo. Quedáballes  unha opción: botarse en brazos das entidades bancarias, das empresas do IBEX 35, dos ‘fondos voitres’, como son chamados actualmente, etc.. E iso fixeron.

Nestes momentos non existe ningún medio que sobreviva grazas aos  seus lectores ou suscritores, os que teñen versión dixital, practicamente todos. Claro está que esta opción ten un prezo. Penso que todos Vdes. xa saben de que estou falando, pero aínda así voulles dar a miña  versión baseada en datos incontestables, que os teño, pero iso será noutra entrega.

Chegados a este punto os medios de comunicación, e aquí inclúo as emisores de radio e  ás canles de televisión (agás a TV pública que vive dos presupostos do Estado, sen que isto signifique, exactamente, que non poida manipular á audiencia pero menos) non poden morder a man de quen lles da de comer. Recorden aquilo de “quen manexa a miña barca”.

As páxinas de publicidade de bancos e de empresas importantes son a moeda de cambio, a forma que teñen eses “especiais propietarios” de rentabilizar as súas  inversións. Calquera entidade bancaria sabe que dos ingresos dos xornais non vai sacar nada; mais ben terá que poñer de cando en vez. Pero o que si sabe é que ese xornal, eses xornais, porque non están presentes nun só xornal,  ou emisora  non se atreve, por conta  que lle ten de dicir, nin sequera insinuar, nada sobre as súas falcatruadas como empresa, sobre o seu comportamento cos clientes, cos seus pequenos accionistas, etc.

En resume, diante deste panorama resulta comprensible o discurso político de certas forzas que teñen unha relación moi directa co gran capital. Resulta facil entender como tratan de escapar, escurrir o bulto (como se di vulgarmente), cando algo serio se prantexa, algo do que o GRAN CAPITAL resulta culpable. É lóxico. As portas xiratorias existen, ou non? Os cretos para campañas politicas que non se devolven, existen, ou non?. Logo como imos pensar que algún candidato a dirixir os destinos deste País pode morder a man de quen lle da de comer?

Ben, por hoxe imos rematar aquí. Prometo que en próximas entregas, tal como lles prometin, dareilles datos con nomes e apelidos;  incluso porcentaxes de participación nos medios de comunicación de todos estes entes que teñen o mundo no bolsillo.

Hoxe quero recomendarlles que, pese a esta situación tan lamentable e pouco democrática que vivimos, vaian a votar, todos; non se queden na casa porque este dereito custou moito sangue conseguilo. Fagamos honra aos que morreron pola democracia; é o mínimo que lles podemos ofrecer.

Páseno ben, coidado con esta primavera tola e disculpen porque creo que me estendín demasiado.

Mestre retirado. Realizou estudios de Filosofía e Letras, Dereito e Ciencias Políticas, Francés e Galego. Un dos fundadores da UCSTE, foi membro do consello nacional do «Movemento de Mestres». Fundador de «A PENEIRA» (1984). Director de «Novas do Eixo Atlantico»