Eficiencia enerxética no Pavillón Municipal “Carballo do Marco” da Cañiza

A través dun investimento da Xunta de Galicia en iluminación LED e aerotermia

A Cañiza | O Concello da Cañiza continúa modernizando as súas instalacións deportivas. Así o afirmou o Alcalde Luis Piña, tras visitar as obras de mellora da eficiencia enerxética no pavillón Carballo do Marco, recentemente rematadas. Unha visita na que estivo acompañado polo Presidente do Club Balonmán Cañiza, Marcos Estévez e o técnico da empresa adxucataria Construelectric Systems Galicia S.L.

Estas actuacións, cun investimento total de 61.659,19 €, foron financiadas nun 97,3 % polo Fondo de Cooperación Local 2025, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, cunha achega de 60.000 €. O Concello da Cañiza completou o financiamento co 2,7 % restante (1.659,19 €) con cargo a fondos propios. Esta intervención enmárcase na liña de xestión do actual equipo de goberno, que aposta por executar proxectos estratéxicos sen comprometer os recursos municipais.

O investimento distribúese en 42.821,86 € de execución material, dos cales 14.948,99 € corresponden á instalación do novo alumeado interior LED e 27.872,87 € ao novo sistema de aerotermia. A estas partidas engádense 5.566,84 € en gastos xerais (13%), 2.569,31 € en beneficio industrial (6%) e 10.701,18 € de IVE (21%). O proxecto centrouse na renovación integral das instalacións de alumeado e climatización do pavillón, co obxectivo de reducir o consumo enerxético e mellorar o confort dos usuarios.

Principais actuacións
Instalación de 46 luminarias LED regulables de última xeración, que melloran a uniformidade lumínica e reducen o consumo eléctrico ata nun 50 %.

Implantación dun sistema de aerotermia con bomba de calor de 27,8 kW e fancoils para climatizar os vestiarios, conseguindo unha redución do consumo térmico do 69 %.

Incorporación dun depósito de inercia de 200 litros e integración co sistema de auga quente sanitaria existente, optimizando o rendemento xeral.

Renovación completa do cadro eléctrico e cableado, con detectores de presenza e sensores de luminosidade que regulan automaticamente a iluminación.

Conexión do novo sistema térmico coas placas fotovoltaicas instaladas na cuberta, favorecendo o autoconsumo enerxético e reducindo emisións de CO₂.

Grazas a esta actuación, o Concello da Cañiza acadará un aforro enerxético superior ao 50 %, unha redución anual de máis de 6 toneladas de CO₂ e un aforro económico estimado de 3.000 € anuais no consumo eléctrico e térmico.

Máis de 359.000 € investidos no Pavillón nos últimos anos
Con esta nova intervención, o investimento total realizado polo Concello da Cañiza no Pavillón Municipal “Carballo do Marco” ascende a 359.017,61 €, destinados ás seguintes melloras:

Mellora da cuberta e eliminación de humidades: 50.000,00 €

Reforma íntegra da primeira ala de vestiarios e aseos: 46.054,60 €

Reforma da segunda ala de vestiarios: 48.763,70 €

Adquisición do videomarcador: 25.000,00 €

Construción do novo ximnasio municipal: 77.081,55 €

Renovación e mellora do cadro eléctrico xeral: 2.542,57 €

Instalación de paneis solares fotovoltaicos (100 módulos bifaciais de 500 Wp, potencia total de 50 kWp): 47.916,00 €

Mellora da eficiencia enerxética (renovación do alumeado interior e instalación de aerotermia): 61.659,19 €

Durante a visita, o Alcalde destacou que este investimento “reflicte a aposta decidida do Goberno Municipal por modernizar as instalacións deportivas da Cañiza e facelas máis sostibles, eficientes e confortables”.

“O Pavillón Municipal «Carballo do Marco» é hoxe un espazo máis funcional e eficiente, á altura da intensa actividade deportiva que acolle cada semana. É a sede do Club Balonmán Cañiza, un auténtico referente local e provincial, e queriamos que contase cunhas condicións óptimas tanto para o adestramento como para a competición”, engadiu Piña.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.