Eficiencia enerxética no CRA A Picaraña

As actuacións tiveron lugar nas aulas de Xinzo, Portela e Parada

Ponteareas | O Concello de Ponteareas continúa co seu compromiso de mellora da eficiencia enerxética nas aulas do CRA A Picaraña. Nesta ocasión, as obras realizáronse nas aulas de Xinzo, Portela e Parada.

Nestas actuacións procedeuse á substitución da carpintería de aluminio para obter unha mellora eficiencia enerxética, que permitan non só un maior aforro enerxético, se non tamén un maior confort para o alumnado e profesorado.

Para ofrecer á comunidade educativa espazos confortables e actualizados, o goberno de Ponteareas ten entre os seus obxectivos e compromisos a renovación e actualización dos servizos e espazos públicos como as aulas do CRA que, na maioría dos casos, levan décadas agardando unha intervención.

“Ao longo do ano as e os traballadores de Ensino realizan obras de mantemento e reparación de fontanaría, electricidade, pintura, solos, poda nos patios, reparación de espazos de xogo, etc. Tarefas que intensificamos durante os meses de verán para non interromper os meses lectivos”, explica o concelleiro de Ensino, Ricardo González.

Este verán o Concello tamén transformou a vella casa do conserxe do CEIP As Veigas nunha aula para alumnado con necesidades específicas de apoio educativo e no pasado curso realizáronse importantes obras para a mellora da eficiencia a nas aulas de Areas e Pías co cambio de tellado, portas e xanelas.

“As aulas do CRA estaban moi abandonadas con carpinterías de madeira, tellados e estruturas danadas e solos vellos polo que cada ano imos avanzando no seu coidado e imprescindible actualización”.

A alcaldesa Nava Castro sinalou que “o obxectivo é buscar unha mellora eficiente para que os e as alumnas se sintan o máis cómodos posibles nas aulas, xa que é unha parte importante no seu día a día. E conseguímolo. Ter aulas como as do CRA A Picaraña é un luxo para a educación dos nenos, por iso queremos seguir manténdoas, pero coa comodidade e calidade que merecen”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.