“É unha traxedia que a RAG teña escollido como supradialectal unha variante que non coincide co luso-brasileiro”

Carlos Garrido | Profesor e autor do libro "O Escándalo do Léxico Galego"

O profesor Carlos Garrido analiza no seu libro “O Escándalo do Léxico Galego: Análise da sua Lastimosa Degradaçom Histórica e Denúncia da sua Dolosa Falta de Regeneraçom Atual”, como o idioma en Galicia foi perdendo moitas das solucións lingüísticas que co tempo substituíu o castelán dentro da oralidade. O traballo de Garrido quere ser un sinal de aviso ante a continuidade desta perda léxica e a deturpación que isto significa.

O título do seu libro non deixa ningunha dúbida, análise da degradación do léxico en galego e logo a denuncia de solucións para o mesmo. Cales son as máis prominentes degradacións que se producen no galego falado desde o século XVI?
Hai que lembrar que ao século XVI lle segue unha catástrofe social e política na Galiza. A finais do século XV todo o poder galego desaparece debido á imposición de Isabel de Castela, quen expulsa as clases dominantes galegas ou mesmo as elimina fisicamente. As clases altas en Galiza son substituídas por outras clases altas de fala castellana. Isto implica que desde o século XVI e até o momento presente o galego fique subordinado ao castellano e en moita medida perde o uso escrito e os usos formais. Estas condicións, insisto, exténdense até o momento presente a pesar da aparición a mediados do XIX do chamado Rexurdimento literario.

Esa revalorización do galego non foi suficientemente intensa para recuperarse degradación lexical. En canto ás principais degradacións sobre o galego son a variación xeográfica do léxico sen unificación. Neste caso o problema é de exceso, hai millares de conceitos que teñen máis dunha denominación no galego popular, son variantes xeográficas. Iso sería algo normal en todas as linguas, mais o que non é normal é a falta dun proceso de unificación. Isto non existe en gran medida aínda no galego. Por que? Alén de procesos de degradación como dos que falo, hai actitudes antirrexeneradoras por parte dos codificadores oficialistas, RAG e ILG. Un exemplo típico: xanela, ventá, fiestra. Aparecen as tres en dicionarios e ningunha aparece como supradialectal.

Hoxe en día hai variedades que se aproximen ao que era o trongo galego-portugués?
Unha das acitudes non rexeneradoras é a inhibición aten a elección dunha solución supradialectal. O exemplo de antes, ventá, xanela, fiestra. Mais hai outra atitude que é a elección dunha variedade como supradialectal cunha visión antieconómica, dunha maneira que prexudica ás persoas que queremos vivir en galego.

Unha das variedades foi escollida como supradialectal en Portugal e no Brasil. Esa variante galega é a que máis peso demográfico, económico ou científico vai ter. Entón, é unha verdadeira traxedia que a RAG teña escollido como supradialectal unha variante que non coincide co luso-brasileiro. Por iso é unha mágoa que a RAG escollese variantes que non coinciden coa variedade luso-brasileira. A TVG usa constantemente “lapa” como emanación de lume no canto de “chama” que coincide co luso-brasileiro. Aí estamos perdendo difusión internacional do galego. Esa é outra actitude non rexeneradora.

“Unha das variedades foi escollida como supradialectal en Portugal e no Brasil. Esa variante galega é a que máis peso demográfico, económico ou científico vai ter”

Obsérvase tamén un uso abusivo de determinados verbos e palabras como “atopar”.
Tamén está o caso de “agardar” co uso de “ter esperanza de”, nese sentido sempre se dixo de “esperar”. Agardar é a espera física. Abúsase de moitas destas palabras por puro diferencialismo a respecto do castellano. É o que denomino no libro “diferencialismo non rexenerador”. A chave non está en afastarnos do castellano, iso non enriquece o galego, a chave está en aproximármonos do luso-brasileiro. O puro diferencialismo crea unha lingua artificiosa.

Podería dicirse que tanto Os Precursores e logo as persoas involucradas no Rexurdimento, que son a chave para “oficializar” a degradación do galego.
Non podemos ser tan inxustos. Primeiro, esas persoas non tiñan os coñecementos filolóxicos que hoxe temos, non coñecían o portugués case. Pondal si coñecía o portugués de aí que usase unha ortografía etimolóxica con “j” e “g” e por outro lado, ennobrece moito o léxico, aínda que Rosalía e Pondal usaban un léxico máis popular. Os verdadeiros culpables desa falta de rexeneración do galego aparecen a partir de 1980, co oficialismo autonómico, da RAG e do ILG. Teñen unha visión rexional, dialectal e subordinada ao castellano. Todo iso lévaos a rexeitaren a aportación enriquecidora do portugués. Ao final o portugués é un galego enriquecido. Mesmo o oficialismo está a invertar palabras e a inventalas mal, sen aproveitar as inventadas polo lusitano e o brasileiro. Un exemplo sangrante, en vez de recorrer ao neoloxismo luso-brasileiro “o ícone” a RAG e ILG deciden inventar unha palabra cun criterio desastroso a “icona”, como se o español escollese “icoño”. Outro proceso degradativo é a falta de neoloxía, agora que queremos introduir o galego en áreas onde non se usaba, ten que crear neoloxismos. A RAG, que despreza o portugués, enche de neoloxismos castellanos o galego e despois inventa neoloxismos desastrosos. Hoxe por hoxe o galego non está o suficientemente desenvolvido como para funcionar como un código de cultura.

“Os verdadeiros culpables desa falta de rexeneración do galego aparecen a partir de 1980, co oficialismo autonómico, da RAG e do ILG”

Así temos que a ortografía da RAG e ILG só funciona no ámbito autónomico.
Hai unha alternativa e no meu libro demostro que é a tradición reintegracionista. O problema é que a socialización corresponde á doutrina oficial. A que ten detrás de sí os medios de comunicación, a maior parte das editoras, o ensino na escola así o que se oficializa infelizmente é ese código que é insuficiente e ineficiente. Mais hai alternativa é o reintegracionismo de Carvalho Calero e que é tirar por dentro dunha variedade o lusitano-brasileiro para representaren unha lingua culta de difusión internacional. É un verdadeiro crime que non se tire proveito desta situación.