E agora Irán.

Os ataques conxuntos realizados este 28 de febreiro entre EEUU e Israel contra obxectivos militares e políticos dentro da República Islámica de Irán teñen claramente o selo do primeiro ministro israelí, Benjamín Netanyahu, e do seu aliado estadounidense Donald Trump na pretensión por propiciar un incerto cambio de réxime en Teherán, neutralizando así ao principal rival xeopolítico rexional israelí pero tamén estadounidense.

Días antes deste ataque, Pakistán e Afganistán iniciaban unha guerra en pleno corazón de Asia Central que ben pode servir de apéndice aos constantes “cantos de serea” bélicos que Trump lanzaba contra Teherán mentres o representantes do seu goberno negociaban cos seus homólogos iranianos a minimización do programa nuclear. No caso de Pakistán, que rivaliza coa India polo control de esferas de influencia en Asia Central, Islamabad acusa aos Talibáns afganos de interferir no seu territorio vía movementos islamistas como TT-P e, con menor intensidade, o ISIS-Khorasán.

Nesa conxuntura conflitiva entre Pakistán e Afganistán, o presidente indio Narendra Modi visitaba Israel, sendo recibido por todo o alto por Netanyahu. Deste xeito quedaba marcada a posta en escena de contactos entre actores previo ao ataque contra Teherán, tomando en conta que Irán e Pakistán forman parte do sistema de alianzas xeopolíticas de China e Rusia, os dous principais rivais de EEUU. O territorio pakistaní, especialmente o seu porto de Gawdar, é estratéxico para o paso dos proxectos da Ruta da Seda impulsados por Beijing.

“Resta por saber se este conflito entre EEUU e Israel contra Irán implicará unha escalada militar na que aliados de Teherán, especialmente Rusia, finalmente entren en escena”

Resta por saber se este conflito entre EEUU e Israel contra Irán implicará unha escalada militar na que aliados de Teherán, especialmente Rusia, finalmente entren en escena. Moscova ten un acordo militar estratéxico con Irán asinado en decembro de 2024 poucos días despois da caída de Bashar al Asad en Siria. O Kremlin ten sido o principal vector de cooperación no programa nuclear iraniano. Por outra banda, Teherán pode responder vía proxy wars que impliquen a aliados como o movemento islamita libanés Hizbulá, os hutíes de Iemen e os xiítas de Iraq.

Outro foco de atención será o papel de China. Tradicionalmente, Beijing manifesta unha posición de respecto ao dereito internacional e á soberanía nacional dos países, instando á desescalada do conflito. Pero tralas caídas de aliados xeopolíticos como Bashar al Asad e Nicolás Maduro en Venezuela, China vese nunha situación aínda mais apremiante se ese mesmo escenario se repite en Irán, país estratéxico para Beijing e moi próximo ás súas fronteiras. Esa mesma diagnose se observa na posición chinesa co respecto aos choques militares entre Pakistán e Afganistán.

Trump anunciou “operacións militares masivas” en Irán incitando incluso á rebelión popular contra o réxime dos aiatolás. A declaración certifica a pretensión de Washington e Tel Aviv por un cambio de réxime incerto en Teherán, toda vez as protestas iniciadas en decembro pasado foron progresivamente desarticuladas. Con todo esta acción militar unilateral pode significar un efecto contraproducente: un maior refozamento do réxime iraniano, desta vez en mans dun sistema pretoriano militar.

Na Conferencia de Seguridade de Múnic celebrada a comezos de febreiro, o secretario de Estado estadounidense Marco Rubio clamou por unha “nova orde mundial” na que Washington pretende reacomodar os equilibrios xeopolíticos de xeito unilateral. Un plan que comezou negociando unha pax rusa en Ucraína, fomentando un inédito protectorado de Washington en Venezuela e agora atacando por primeira vez a Irán para derrubar un actor con maior capacidade de resistencia e de artellación de intereses con China e Rusia, un eixe xeopolítico incómodo para EEUU, o atlantismo e Israel.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina. Redactor Xefe de "Foro A Peneira" e "Novas do Eixo Atlántico".

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.