Do estigma á estima. Propostas para un novo discurso lingüístico

Non sobran textos teóricos sobre sociolingüística. Aínda menos os que tratan as actitudes cara a lingua dos propios galegofalantes. Valentina Formoso parte da premisa de que boa parte dos estudos e das estratexias normalizadoras se centran nos espazos urbanos e nos castelanfalantes. É incuestionable a importancia de recuperar a lingua nestes contextos. Pero non se debe desatender a quen xa a fala porque, ás veces, aínda asumen algúns prexuízos que poden conducir a que abandonen o galego ou a que o restrinxan a un ámbito familiar e informal. Para analizar esta realidade dá a coñecer os resultados de tres grupos de discusión nos que participou alumnado de secundaria pertencente ao rural e maioritariamente galegofalante. As conclusións non son novidosas para aqueles que traballan no ensino, ou simplemente que poñen un chisco de atención e orella ao que pasa ao seu redor: a falta de identificación co estándar, o rexeitamento do “acento”, a relación que aínda se establece entre galego-rural-nivel social baixo, a dificultade de considerar o noso idioma como útil… ao que habería que sumarlle o novo prexuízo de vencellar o estándar, ou simplemente a utilización da lingua galega en situacións comunicativas propias do estándar, como marca de ideoloxía nacionalista.

Os méritos deste estudo non se atopan tanto na mención dos prexuízos anteriores que algúns pensaba que xa foran felizmente superados (que tamén), senónna reflexión posterior, no traballo práctico, de campo, baseado nun sólido marco teórico explicitado tamén na obra, e na aplicación de técnicas de análise que ata agora non se empregaran en Galicia. Á par disto, agradécese a visión de conxunto e o balancedo traballo en prol da normalización nestes anos e das mudanzas na política lingüística que se aplicou á educación, así como da apropiación que os partidos políticos fixeron do discurso lingüístico para convertilo en eixo dalgúns programas electorais, aínda que houbese que perverter realidades e vocabulario para gañar votos; que significado teñen xa termos como “imposición”, “liberdade” ou “bilingüismo”?

Aínda queda moita marxe para a esperanza. Analizados os resultados das estratexias levadas a cabo ata agora, a autora suxire mudalas para desvincular o noso idioma de intereses partidistas e restituílo como ben común de todos os galegos, resaltando a dimensión atractiva da lingua, ponte de aprendizaxes novas, perspectiva que amplía a nosa visión da realidade e marca de identidade coa que presentarnos nun mundo plural, onde resulta ben útil para abrirnos camiño.

Licenciada en Filoloxí­a Hispánica, (UDC, 1994-1998) e Filoloxí­a Galega (USC, 1998-2000), na actualidade, imparte aulas de Lingua e Literatura Galega no Ensino Secundario.