Nunha interesante análise sobre as municipais do 28M, o director de eldiario.es, Ignacio Escolar, citaba unha frase atribuída á ex ministra Ana Pastor que cobra relevancia no momento político actual. Pastor se preguntaba se “estamos agora en 2011 ou en 2007”, unha declaración con obvias expectativas sobre as posibilidades do PP para chegar á Moncloa.
Escolar analizaba a frase de Pastor en clave política e como resultado dunhas eleccións: “nas municipais de 2011, o PP gañou por 10 puntos ao PSOE, 2,2 millóns de votos máis. Poucos meses despois, Rajoy obtivo maioría absoluta. Nas municipais de 2007, o PP tamén gañou por algo máis de 150.000 votos. Zapatero foi reelixido un ano despois. En 2023, a vitoria do PP sobre o PSOE foi de 750.000 votos, moitos menos dos que parecería (…) Feijóo é favorito, si. Pero a esquerda ten opcións de remontar”.
Estas frases veñen a colación ante a convocatoria de adianto das eleccións xerais realizada polo presidente de goberno Pedro Sánchez este 29M, un día despois das municipais. Sorprende pola prontitude e o secretismo que amparou esta convocatoria, inmediatamente e como reacción ao varapalo electoral recibido un día antes pola coalición na Moncloa.
Moitos análises nos medios interpretan certos visos de desesperación dentro do PSOE e dos seus aliados gobernamentais. Fálase de presións cara Sánchez por parte dos podereosos “baróns” socialistas e tamén das bases ante o descalabro electoral do 28M. Pero tamén de malestar interno polo anuncio de súpeto deste adianto electoral.
Non obstante, Sánchez tenta tomar a iniciativa para evitar un clima de pesimismo que leve a unha eventual desmobilización da esquerda, propiciando unha vitoria da “ultradereita”.
“Sánchez tenta tomar a iniciativa para evitar un clima de pesimismo que leve a unha eventual desmobilización da esquerda”
Debemos tamén analizar a perspectiva que se observa no tratamento “post-28M” e ante o 23X realizado nos medios de comunicación. Algúns con síntomas triunfalistas (“o arrase do PP anuncia o final de Sánchez”) e outros apocalípticos: “É gañar ou morir”, como parecían vaticinar na rúa Ferraz, sede do PSOE.
Á dereita funcionoulle o 28M o discurso “trumpista” aderezado co toque ibérico dunha Díaz Ayuso que dende a Comunidade de Madrid e a rúa Xénova (sede do PP) incrementa as súas bazas para erixirse como o factor de maior peso dentro do PP. E todo anuncia que seguirá igual de cara ao 23X. “Empoderada” por maiorías absolutas, Ayuso agarda o seu momento. A súa foto na rúa Xénova na noite do 28M con Feijóo, exhultantes, anuncia os tempos por vir. A madrileña asume o seu rol de “toque de atención” ante a aparente “moderación e corrección política” de Feijóo, unha visión que o galego non termina de consolidar dentro do PP.
“Á dereita funcionoulle o discurso “trumpista” aderezado co toque ibérico dunha Díaz Ayuso”
Os ataques de Ayuso a Sánchez (ETA-Bildu; o “castrochavismo” na Moncloa, etc) funcionaron mellor nas urnas. Por iso, os equilibrios de Feijóo requiren de algo máis que o seu pretendido “sentidiño“. Sabe que o camiño da Moncloa pasa por entenderse con VOX, tal e como anuncia o mapa político municipal e autonómico post-28M. Un mapa coloreado do azul do PP en Madrid, Galicia, Andalucía, Cantabria, Valencia, A Rioxa, Aragón e Estremadura, e nalgúns casos con VOX de compañeiro de viaxe. Un VOX que, atención, duplicou os seus votos este 28M.
Anecdótico comeza a ser a desaparición de facto de Cidadáns (xa anunciou que non se presentará ao 23-X) e o declive dunha Unidas Podemos agora máis proclive a tender pontes con Movemento Sumar, a marca electoral recén rexistrada por Yolanda Díaz xusto dous días despois do 28M. Se ben non puido presentar candidaturas, Díaz tamén mediu con asertividade o varapalo electoral municipal. Para non caer na irrelevancia, precisa urxentemente de cara ao 23X da consolidación de plataformas dende a esquerda con UP para tentar procrear unha nova coalición con Sánchez que permita gobernar na Moncloa ata o 2027.
Así que, amigos lectores, imos de elección en elección. Do 28M ao 23X. Aínda coa resaca dunhas municipais de vértigo pasamos a unhas xerais “a todo ou nada”. Así, cando menos, semellan observalo na Moncloa, en Ferraz e Xénova e todo no universo político estatal. Agora ben, compre preguntarnos: é inevitable que estamos no tránsito da coalición de Sánchez á de Feijóo-VOX?