Dixitalización do Conservatorio Municipal de Ponteareas

Con énfase nos recursos educativos

Ponteareas | O Conservatorio Municipal de Ponteareas recibiu os primeiros materiais para poñer en marcha o proceso de dixitalización dos seus recursos educativos. O concelleiro de Ensino, Ricardo González, explicou que, unha vez superada esta fase de proba na que tamén se aproveita para formacion do profesorado, procederase á instalación completa do novo equipamento.

Este é o primeiro paso dun ambicioso proxecto de modernización tecnolóxica que marca un fito desde a creación do centro en 1983. Impulsado polo Concello de Ponteareas, o plan contempla un investimento de 130.000 euros e inclúe a incorporación de recursos electrónicos tanto para a aprendizaxe como para a xestión interna do conservatorio.

“Queremos que o noso alumnado se senta orgulloso do seu centro, que o profesorado dispoña de ferramentas adecuadas e que as infraestruturas estean á altura das súas necesidades”, destacou a alcaldesa Nava Castro.

O proxecto, que busca rematar coa obsolescencia das actuais ferramentas, así como mellorar o aproveitamento das instalacións, desenvolverase en dúas fases. O concelleiro de Ensino, Ricardo González, que de xeito gradual se implantará toda a tecnoloxía neste mes e no de novembro. Explica o edil que esta importante reforma permitirá contar cun software de control e xestión específico para este tipo de centros; hardware de paneis interactivos para as 24 salas (11 aulas e 13 cabinas de estudo); pedais bluetooth máis trípode con soporte para tablet; sistema de videoconferencia para sala polivalente e sistema de control de accesos. Entre outras posibilidades, os novos recursos permitirán que as partituras como as do mestre Groba ou Reveriano Soutullo estean cargadas nas tablets.

O software de control e xestión ofrecerá unha plataforma integral de xestión académica, comunicación, contabilidade, xerador de horarios baseado na intelixencia artificial e control horario e xestión de ausencias.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.