Vigo | Lugo acolle os actos centrais: unha exposición fotográfica sobre os bens de PCI inscritos na UNESCO na biblioteca intercentros da USC; o espectáculo “Enfiando o inmaterial” no Museo Provincial e obradoiros sobre os saberes tradicionais para os centros educativos.
En Pontevedra comeza o seu percorrido a serie de obradoiros de radio e patrimonio inmaterial “Falamos nas Ondas”. Na Coruña preséntase este venres o libro “O cancioneiro galego-portugués” editado pola Deputación de A Coruña.
A UNESCO proclamou o ano pasado o día 17 de outubro como o Dia Internacional do Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI), xuntando así unha nova data á do 16 de novembro, Día Internacional do Patrimonio. A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! (a única entidade en Galicia acreditada pola UNESCO para o PCI) propón, nesta segunda conmemoración, un programa para que os centros educativos integren e celebren nas aulas o PCI.
Ao mesmo tempo, súmarse ás accións que en todo o mundo se desenvolven arredor deste patrimonio vivo, o das persoas e das comunidades portadoras. Nese sentido, Galicia é pioneira na creación dunha rede de centros “modelo Ponte…nas ondas! de boas prácticas co patrimonio cultural inmaterial” que están a integrar o PCI nos seus plans xerais de centro e que conta co apoio da Consellería de Educación da Xunta de Galicia.
Ponte…nas ondas!, que foi considerada un “modelo de boas prácticas” co PCI pola UNESCO, a proposta de Portugal e España, anima á sociedade a acoller esta celebración e a tomar conciencia das expresións e manifestacións do noso patrimonio inmaterial. Apela ás escolas para que transmitan o valor da cultura inmaterial ao alumnado.
Acto central en Lugo
Ponte…nas ondas!, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, o Museo Provincial de Lugo, o Concello de Lugo, o CENTRAD da Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia, programou diversos actos na cidade para conmemorar o Día Internacional do PCI.
No edificio da biblioteca intercentros do Campus de Lugo, inaugurouse a exposición O PATRIMONIO VIVO á que asistiu alumnado do IES Sanxillao . A apertura correu a cargo do Vicerreitor de Organización Académica do Campus de Lugo, Prof. Francisco Fraga López que deu a benvida aos asistentes, expresou a satisfación por acoller en Lugo esta exposición e lembrou que el mesmo é un prácticante do PCI nun grupo de cantos de taberna.
A seguir, o director da biblioteca intercentros, César Gómez, destacou que a biblioteca ten un importante fondo de patrimonio bibliográfico documental e contribúe a esta exposición cunha mostra de publicacións do patrimonio inmaterial galego.
A Concelleira de educación do Concello de Lugo, Iria Buide, falou da importancia do patrimonio inmaterial para a sociedade e como as expresións do PCI chegan a hoxe a través de diferentes soportes. E finalmente Santiago Veloso, presidente da Asociación Ponte…nas ondas! agradeceu ás institucións o apoio para a celebración do Día Internacional do PCI, ao Ministerio de Cultura pola cesión da exposición, á Xunta de Galicia por colaborar na súa montaxe, á USC pola xestión e pola cesión dos espazos e ao Concello de Lugo por divulgar este evento e ás visitas dos centros educativos á exposición.
O alumnado do IES Sanxillao foi o primeiro en percorrer as imaxes dos bens de PCI do estado español e fixérono coa ficha didáctica que PNO! deseñou para realizar no percorrido polas fotografías. E finalmente, Celso Sanmartín, narrador oral e portador do PCI, achegou un fío de historias do noso patrimonio oral recollidas a persoas anónimas que lle transmitiron os seus saberes e a súa forma de contar, moitas veces cunha peculiar interpretación do mundo e da sociedade.
As visitas á exposición están aberta ao público e ás visitas escolares de luns a venres de 9.00 h. a 21.00 h. e sábados e domingos de 10.00 h. a 19.30 h. Durante as datas da permanencia da exposición na biblioteca intercentros, os centros educativos tamén poden solicitar visitas ao Centrad (Centro de Artesanía e deseño) da Deputación de Lugo para realizar obradoiros sobre os saberes tradicionais e tamén visitar a colección de instrumentos musicais.
Ademais, e baixo o lema “Enfiando o inmaterial”, celebrarase un evento central do Día internacional do PCI na Sala dos Mosaicos do Museo Provincial de Lugo ás 19.00 h. É un coloquio aberto á participación do público onde terán cabida diferentes expresións do PCI: a música, a narración oral, a memoria, os saberes. Tamén se proxectará a curtametraxe de Xabier Mailán “Corcosendo: as mans de quen nos vestiu” contando coa intervención do director.
No coloquio tomará a palabra Lois Pérez, profesor, poeta, narrador oral e dinamizador cultural quen enfiará as intervencións de Germán Díaz, Antía Montes e de Santi Veloso de Ponte…nas ondas! Obradoiros “Falamos nas ondas” Por outra banda, a Deputación de Pontevedra colabora con Ponte…nas ondas! na transmisión do patrimonio ás novas xeracións mediante un convenio específico para dinamizar este patrimonio.
Neste marco, realizaranse obradoiros de radio e patrimonio inmaterial en 10 centros educativos da provincia. Todos eles son centros “modelo Ponte…nas ondas! de boas prácticas co patrimonio cultural inmaterial” integrados na rede creada pola Consellería de Educación.
Presentación do Cancioneiro galego-portugués
Este venres 17, ás 11.00 h. terá lugar na Deputación de A Coruña do libro “O cancioneiro galego-portugués” promovido por Ponte…nas ondas! e da autoría de Domingo Blanco e Carlos Nogueira con ilustracións de Andrés Meixide.