Día das Letras e a Galicia exterior.

Debe celebrarse con xustiza a homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán no Día das Letras Galegas 2022. Unha homenaxe que, ó mesmo tempo, obriga ao repaso daqueles escritores que, sexa polo exilio da guerra ‘incivil’ de 1936-1939 ou pola emigración posterior, espallaron a lingua galega no exterior nos duros anos da posguerra e do franquismo.

Este recoñecemento é tamén para eses escritores, poetas, ensaistas, artistas, editores, xornalistas que enriqueceron enormemente a cultura galega e afondaron as bases do que hoxe, oficialmente, a Xunta de Galicia denomina como a “Galicia Exterior”.

Tanto como Delgado Gurriarán, foron nomes como Castelao, Celso Emilio Ferreiro, Luís Seoane, Carlos Vela e tantos outros que acadaron nos seus exilios na Arxentina, México, Cuba, Uruguai, Suíza, Alemaña, Francia, Venezuela non só unha nova patria senón un encomiable esforzo por non perder a riqueza cultural, artística, fonética e gramática da nosa lingua neses escuros anos do franquismo.

“Porque o galego tamén sobreviviu nos xornais, nos programas de radio, nas pinturas e nos fondos editoriais que ese exilio e esa emigración levaron por Bos Aires, Cidade de México, A Habana, Montevideo ou Caracas”

Porque o galego tamén sobreviviu nos xornais, nos programas de radio, nas pinturas e nos fondos editoriais que ese exilio e esa emigración levaron por Bos Aires, Cidade de México, A Habana, Montevideo ou Caracas. Esforzos que tamén fixéronse na nosa terra, recompensados con editoriais como Galaxia, creada en 1950. Poesía, ensaio, literatura que forman parte do patrimonio galego, cunha pegada que chega ata os nosos días.

Agora ben, hai tamén unha segunda e terceira xeración desa emigración galega que ben podería ser atendida, e que incluso reclama o seu papel, como transmisor da nosa lingua e cultura “Lonxe da Terriña”. Son moitos deles nados nesas capitais estranxeiras pero que non perden o vínculo, a raíz, co berce orixinal. E que se ben poden falar en castelán, inglés, francés ou alemá, non desprezan nin desestiman que o galego é tamén a súa lingua mater.

Nestes tempos de recentralización cómpre botar tamén unha ollada a esas expresións literarias que fan vida fóra de Galicia pero non ‘sen Galicia’. E precisar que o Día das Letras Galegas, que aínda ten a moitas e moitos galegos de pro por homenaxear, tamén lembre que esa Galicia Exterior segue aí, con tanta vitalidade, convivindo noutras sociedades que tamén son nosas.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.