Dez mil participantes na 48º edición da “San Martiño 2025” en Ourense

Corredores de toda Galicia percorreron dez quilómetros polas rúas de Ourense

Ourense | Celebrouse a 48º edición da carreira pedestre popular de San Martiño. Máis de dez mil corredores percorreron varias rúas da capital desde as once da mañá durante dez quilómetros, sen choiva pero con néboa.
O debutante na proba ourensá David de la Fuente impúxose chegando a meta en 30 minutos e 14 segundos. A segunda praza foi para Iván Puentes, cun rexistro de 30:20, debido a que se decidiu nos últimos metros da carreira chegando case ata o final emparellado con De la Fuente, e seguido de Yago García, que completou o podio cun tempo de 30:41.

A viguesa Ester Navarrete revalidou o seu título por terceiro ano consecutivo marcando un tempo gañador de 33 minutos e 43 segundos. A francesa e atleta olímpica (do mesmo xeito que Navarrete) Alice Finot foi segunda cunha marca de 34 minutos e 32 segundos, e Eva Piñel completou o podio feminino cruzando a liña de meta á vez que a francesa.

O referente local, Alejandro Fernández, demostrou a súa regularidade e gran nivel ao conseguir unha meritoria cuarta posición na clasificación xeral cun tempo de 30 minutos e 42 segundos. Na categoría feminina, Itziar Manso foi a primeira ourensá en cruzar a meta, asegurando un notable sexto posto marcando un 36:21.

A carreira absoluta saiu da Ponte do Milenio e avanzou pola rúas Xesús Pousa, Avenida de Marín, Otero Pedrayo, Castelao, Cardenal Quevedo, A Habana, Curros Enríquez, Paseo, Lamas Carvajal, Praza Maior, Bispo Carrascosa, Moratín, Colón, Padre Feijóo, Lugo, Ben-Cho-Shey, Galicia, Ramón Puga, A Saínza, Avenida de Zamora (ata a glorieta da estrada de San Cibrao), Avenida de Zamora e Progreso ata a meta na Praza de Concepción Arenal. Este itinerario está homologado pola Real Federación Española de Atletismo (RFEA). A proba estivo aberta tanto a atletas con licenza federativa como a corredores e corredoras populares.

A continuación da proba absoluta foron as demais. Este ano, como novidade, houbo unha carreira diferente por categoría, con saídas cada dez minutos: Sub18 (12.10h), Sub16 (12.20 h), Sub14 (12.30 h): de 4.5 qm. de distancia. Sub12 (12.50 h) e Sub10 (13.05 h): 1,1 qm. e a Carreira inclusiva (13.20 h), tamén de 1,1 qm.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.