Ademais de profesor titular de Lingua e Literatura Galega no IES do Barral de Ponteareas, Fernando Groba Bouza, natural da parroquia de Santiago de Oliveira, é o propietario de Artai de Normandy, o cabalo gañador do primeiro premio de Pura Raza Galega na categoría de sementais na 47º edición da Semana Verde de Silleda organizado pola Xunta de Galicia e patrocinado por ABANCA. Con anterioridade foi tamén secretario da Asociación de Criadores de Cabalos de Pura Raza Galega (PURAGA), concelleiro de Cultura e Lingua no Concello de Ponteareas, lector na Universidade do Minho (Braga) e técnico de normalización lingüística nos concellos de Porto do Son e de Tomiño.
Como se che ocorreu meterte no mundo dos cabalos?
Na nosa familia sempre tivemos cabalos en Oliveira. O meu pai comezou cunha burra fariñeira de carga e logo chegou a ter catro eguas. Nunca tivo machos, preferiu as femias polo comportamento. Por tanto dende pequeno sempre estiven no ambiente dos cabalos porque tamén en Oliveira e Celeiros había un colectivo que organizaba carreiras como as de Porto (en Salvaterra de Miño), Entenza (en Salceda de Caselas) e Barciademera (Covelo). Era a Peña Amigos do Cabalo e nós formabamos parte dela. Xa na miña etapa laboral entrei en contacto coa Asociación Pura Raza Cabalo Galego, que dirixe Xacobe Pérez Paz. En Boqueixón, no Centro de Referencia das Razas Equinas Autóctonas de Galicia, descubrín que unha egua do meu pai (coa que eu tiven máis relación e conexión) era de raza auténtica do país.
Foi así cando decidín comprar o meu primeiro cabalo. A través da Asociación tiven contacto cun tratante de cabalos de Curtis e aí namorei de Lúa, a miña primeira egua que trouxen a Oliveira. Logo viñeron Furia, unha poldra que merquei no curro do Pedroso na Cañiza; un macho, Alecrín, que veu da Feira do Apóstolo de Santiago; e logo outro macho de pelaxe negra, o Mouro, que trouxen de Vilagarcía de Arousa. Agora mesmo teño catro exemplares, entre eles dúas fillas da Lúa (que actualmente está en Narón) e do Alecrín, ademais do Artai de Normandy, un poldro de tres anos.
Por que o seu nome tan particular?
De Normandy porque vén de Viveiro, dunha gandeiría que se apelida así. O alcume creo que lles vén por seren os propietarios do Bar Normandy. Por tanto eu consérvolle o nome da gandeiría. Co respecto ao nome Artai, realmente no libro de rexistro pon de nome Pombo pero a min non me gustaba moito. E como o cabalo viña do monte e non estaba habituado a el decidín chamalo Artai, en relación ao personaxe mítico galego (De acordo á mitoloxía galega, Artai era fillo de Brigo, primeiro poboador de Galicia, e considerado como o fundador do pobo ártabro establecido entre Betanzos e Costa da Morte)
“O nome Artai ven do personaxe mítico galego”
Canto pode valer un cabalo desas características?
Normalmente son máis cotizadas as femias que os machos debido a que son xestadoras. Hoxe poden valer entre 1.000 e 2.000€, e de aí para arriba. Unha poldra pode valer entre 500 e 600€, traída do monte sen amansar.
Competicións como o da Semana Verde de Silleda teñen premios importantes, non?
Co tempo a Asociación foi cambiando o tipo de premios. Actualmente dan unha axuda ao transporte (en Silleda foi de 100€) e os premios son trofeos e escarapelas.
Pero vas ás competicións por afección ou por algo máis?
Por afección e polo valor dos cabalos. Despois de gañar en Silleda, o Artai obviamente vale máis, ten un maior caché. Unha filla da Lúa (a Raiana do Couto) e outra poldra que trouxen de Esteiro (a Moura da Laxe) son campioa e subcampioa do Campionato Morfolóxico Oficial da tempada 2024. Por tanto, en caso de interese mercantil, teño que valoralos de acordo aos premios gañados e o seu caché. Aí o prezo é diferente.
Poderían competir a nivel internacional?
A nivel estatal, si; hai cabalos galegos en Asturias, Cataluña e outras partes que teñen concursado. A nivel internacional non o vexo tanto, incluso no caso do mercado de Portugal.