Deputación de Pontevedra reparte 377.000€ en rehabilitación do patrimonio provincial

Cun total de 47 actuacións en Concellos da provincia pontevedresa
Gondomar rehabilitará a Casa Peralba cun orzamento de  26.207,58 euros.

Pontevedra | O departamento de Patrimonio da Deputación vén de aprobar o reparto de 376.824,55 euros en axudas para proxectos de rehabilitación do patrimonio histórico cultural en toda a provincia. En total financiaranse 47 actuacións de posta en valor da riqueza patrimonial en concellos de todas as comarcas mediante a súa recuperación e mellora.

Segundo explica a deputada de Patrimonio María Ortega, a partida inicialmente destinada ás subvencións ascendía a 300.000 euros, mais incrementouse en case 77.000 euros co fin de financiar a maioría das actuacións na súa totalidade. De feito, todos os concellos reciben a cantidade económica solicitada salvo tres, Meis, Gondomar e Redondela, que reciben cifras moi superiores á media, por enriba dos 21.000 euros.

Ortega lembra que desde o ano 2016 a Deputación de Pontevedra conta estas liñas de subvencións que pretenden a restauración de bens inmobles de titularidade municipal que teñan un recoñecido valor arquitectónico, histórico, artístico, paleontolóxico, arqueolóxico ou etnográfico, ademais dos conxuntos urbanos, sitios naturais, xardíns e parques que teñan valor artístico, histórico ou antropolóxico; a adquisición de bens inmobles integrantes do patrimonio histórico da provincia de Pontevedra e a instalación de paneis informativos no patrimonio histórico e cultural dos bens inmobles de interese municipal, os conxuntos urbanos, as parroquias, os xacementos e as zonas arqueolóxicas, ademais dos sitios naturais, os xardíns e os parques que teñan un recoñecido valor arquitectónico, histórico, antropolóxico, artístico ou etnográfico dentro do ámbito territorial da provincia de Pontevedra.

Nigrán conta con 10.381 euros para a limpeza, roza e sinalización da contorna dos muíños de Rodas.

De feito, entre as subvencións deste ano encóntranse cuestións tan diversas como contornas arqueolóxicas, petos e cruceiros, lavadoiros, paneis informativos ata a reposición de tapizados en algunha casa consistorial.

A comarca de Pontevedra recibe axudas para catro dos seus municipios por valor total de 20.166,06 euros: Barro 8.276,40 euros (100%) para o remate de carpintería no pazo de San Antoniño; Campo Lameiro 2.965,44 euros (88,44%) para a restauración e posta en valor dos restos do baldaquino de San Isidro de Montes; Cerdedo-Cotobade 3.916,77 euros (100%) para a restauración do cruceiro dos Barreiros; e Ponte Caldelas, 5.007,45 euros (100%) para a segunda fase da ruta interpretativa da arquitectura indiana.

Na comarca de Caldas os fondos para proxectos de mellora do patrimonio chegarán a catro concellos, cun valor que chega aos case 21.000 euros (20.993,5€): Caldas de Reis 4.041,40 (100%) para a restauración do límite urbano da praza entre as rúas Real e da Igrexa; Catoira, 5.989,50 euros (100%) para a sinalización e posta en valor dos petróglifos de Pedras Minas; Moraña, 8.107 euros (100%) para a elaboración e instalación de paneis informativos do patrimonio histórico cultural do municipio; e Portas, 2.855,60 euros (100%) para a sinalización do patrimonio xeral no municipio.

A comarca do Salnés ingresará 54.694,33 euros: Cambados, para a restauración da fonte da praza de Alfredo Brañas 9.854,23 euros (100%); Meis, 21.902,55 (61,42%) para a recuperación, posta en valor e socialización do petróglifo de Outeiro do Cribo; Ribadumia, 3.300,68 euros (52,82%) para a mellora da contorna da fonte e lavadoiro do Corvo; Vilagarcía, 13.982,24 euros (100%) para a reposición de tapizados no salón nobre da Casa Consistorial; e Vilanova de Arousa, 5.654,63 euros (100%) para o proxecto de escavación arqueolóxica no sector sur do castro e mosteiro de Cálogo.

A comarca do Morrazo mellorará cinco proxectos grazas á axuda provincial que ascende a 46.527,96 euros: Cangas 9.078,46 euros (50,39%) para a sinalización do casco histórico, Marín 14.967,70 euros (100%) para a restauración dos portais de acceso ao mercado de abastos; Moaña, 17.484,50 euros (100%) para a recuperación e restauración da muralla da torre de Meira; e Vilaboa, 4.997,30 euros (100%) para a sinalización e conservación das mámoas do lago de Castiñeiras.

A comarca do Deza-Tabeirós ingresará 33.629,68 euros para cinco proxectos: Agolada, 3.272,69 euros para a sinalización da ponte dos Cabalos (100% do orzamento); Cuntis 3.408,10 euros (100%) para a sinalización da senda fluvial dos ríos Gallo e Umia; Forcarei, 3.468,42 euros (92,17%) para a conservación ambiental e paisaxística do castro de Garellas.

O Rosal recibirá 4.767,40 euros para a mellora e redescubrimento do castro da Bandeira e os seus arredores.

Lalín, 17.787 euros (100%) para a mellora da capela de Santo Adrao; Silleda, 5.469,20 euros (100%) para a mellora da contorna da fonte da Virxe xunto á Capela de San Brais en Chapa; e Vila de Cruces, 3.692,69 euros (99,99%) para a sinalización do patrimonio histórico cultural do municipio.

A comarca de Vigo recibirá 57.217,25 euros para seis concellos: Fornelos de Montes 3.953,61 euros (100%) para recuperación de fonte tradicional; Mos, 8.591,42 euros para a sinalización do patrimonio histórico cultural; Pazos de Borbén, 3.010,48 euros (100%) para a sinalización do patrimonio eclesiástico da vila; O Porriño, 10.296,17 euros (100%) para a restauración e posta en valor do lavadoiro de Regadas; Redondela, 28.449,47 euros (98,15%) para a actuación na fonte Raíña e conservación do peto de ánimas e cruceiro en Cedeira; e Soutomaior, 2.916,10 euros (100%) para a sinalización da ponte medieval de Comboa (Ponte Vella).

O Condado-Paradanta reúne oito actuacións subvencionadas por valor de 43.597,54 euros: Arbo destinará os fondos ao proxecto de obras de rehabilitación do casco histórico, 3.017,18 euros (67,21%); A Cañiza, 4.608,60 euros (100%) para a conservación do peto de ánimas de Vilariño en Santiado de Parada; Covelo, 12.421,86 euros (100) para a intervención arqueolóxica no recinto do Castelo do Faro; Crecente, 3.000 euros (100%) para a sinalización do patrimonio histórico cultural; Mondariz, 3.590,95 euros (100%) para a sinalización interpretativa da parroquia de Sabaxáns e da igrexa de Mouriscados; As Neves, 3.242,80 euros (100%) para a sinalización do patrimonio do municipio; Ponteareas, 9.623,15 euros (89,26%) para a rehabilitación do peitoril de Ponte Maceira; e Salvaterra de Miño, 4.093 euros (100%) para a limpeza e instalación de empedrado de lastros no cruceiro das Arras.

A comarca do Val Miñor fai pleno de subvencións para todos os seus concellos e recibirá do departamento de Patrimonio provincial 45.881,48 euros: Baiona 6.097,89 (83,58%) para a rehabilitación do lavadoiro de Riveira; Gondomar 26.207,58 euros (41,11%) para a conservación e mantemento no eido da casa Peralba; Nigrán, 10.381 euros (100%) para a limpeza, roza e sinalización da contorna dos muíños de Rodas; e Oia, 3.195,01 euros (100%) para a sinalización da contorna natural do pozo do Arco e Pozas de Lourezá.

A recuperación da fonte lavadoiro da Silveira no Concello da Guarda tamén está previsto nestas actuacións.

O Baixo Miño recibirá, pola súa banda, 47.205,08 euros que se investirán en cinco actuacións de mellora: A Guarda recibe 5.286,63 euros (64,32%) para a recuperación da fonte lavadoiro da Silveira; O Rosal, 4.767,40 euros (100%) para a mellora e redescubrimento do castro da Bandeira e os seus arredores; Salceda de Caselas, 5.445 euros (100%) para a restauración e posta en valor do peto das ánimas da Bugarina; Tomiño, 20.392,55 euros (100%) para a rehabilitación do lavadoiro Fonte do Ramo; e Tui 11.313,50 euros (100%) para a sinalización do patrimonio cultural da vila.