Deputación de Pontevedra lanza novo plan de investimentos PON2030

Cun orzamento de 34,4 millóns € enmarcado na aplicación provincial da Axenda 2030

Pontevedra | Un novo plan extraordinario para a execución da Axenda 2030 e afianzar a recuperación dos concellos e da provincia. Con este obxectivo, o goberno da Deputación anunciou hoxe a posta en marcha do Plan PON 2030, dotado con 34,4 millóns de euros.

Os concellos de menos de 50.000 habitantes serán de novo os principais protagonistas deste programa de dotacións e equipamentos en todo o territorio, con recursos da Deputación por 22 millóns de euros. Tamén inclúe un plan para facer fronte ás inundacións nos concellos máis afectados, dotado con 2,7 millóns de euros, que xorde ante a inacción da Xunta de Galicia, e contempla igualmente investimentos por 7 millóns na ambiciosa recuperación patrimonial do Convento de Santa Clara en Pontevedra, e outros 2,7 millóns destinados á activación económica e social da provincia.

O Plan, presentado hoxe pola presidenta Carmela Silva e o vicepresidente César Mosquera, ponse en marcha cos recursos dos remanentes e será aprobado nun pleno extraordinario o vindeiro 6 de marzo. Amais, con estes 34,4 millóns do novo Plan o orzamento inicial de 2023 de Deputación increméntase ata os 216,4 millóns de euros, dirixidos principalmente aos concellos da provincia.

Unha vez máis a Deputación confírmase como a institución provincial de todo o Estado que máis transferencias fai os concellos, un 34%, o dobre da media estatal. Como dixo a presidenta, “e iso sen contar cos recursos que proveñen de fondos europeos. Nunca tiña acontecido nada así”. Pola súa banda, César Mosquera quixo destacar o bo estado da economía da Deputación. Salientou que aínda poñendo en marcha novos plans como o ‘PON2030’ quedan recursos nas arcas provinciais.

Carmela Silva explicou que “queremos seguir poñendo recursos da Deputación ao servizo da provincia para que se poidan seguir facendo as grandes transformacións que levamos impulsando dende hai 8 anos, cun proxecto moi potente de remanentes que ten como obxectivo seguir avanzando na execución da Axenda 2030”. “Se en anos anteriores lanzamos o DepoRemse, o plan de Reequilibrio e o ReacPon, agora é o momento de PON2030”, asegurou a presidenta, quen explicou que se trata “dun plan centrado moi particularmente en destinar recursos aos concellos pero tamén a proxectos propios que consideramos singulares e extraordinarios”.

Pola súa banda César Mosquera fixo fincapé na necesidade deste Plan para avanzar e executar proxectos da Axenda 2030 “porque o 2030 está aí practicamente e imos apurados” e “o que non avancemos agora non o imos recuperar”. Asegurou que a intención é aproveitar a experiencia das bases provinciais do ReacPON, e evitar perdas de tempo cando se producen cambios nas corporacións nas vindeiras eleccións.

“Se paramos non chegamos a facer as actuacións que temos pensado”, sentenciou. Subliñou que esta nova inxección económica aos concellos é posible porque o goberno ten uns obxectivos e unha liña de traballo claros, está cohesionado e gasta as súas enerxías en traballar pola provincia e non en “elementos alleos”. Agradeceu o traballo do persoal funcionario provincial, porque, segundo dixo, o Plan 2030 “non podería facerse se non houbera unha maquinaria administrativa engraxada”.

PON2030 nos concellos
Os concellos volven a ser destinatarios dun plan extraordinario, similar aos que xa foron postos en marcha polo goberno máis aló do Plan Concellos, como o Plan PICEI, DEPOREMSE, Plan de Reequilibrio, o Plan Ágora e o Plan ReacPon que regaron a provincia de servizos, equipamentos, infraestruturas e dotacións. Foron 54 millóns de euros para 117 grandes actuacións no territorio.

Agora, con PON2030, os concellos disporán doutros 22 millóns para que poidan escoller un único gran proxecto que, como no caso do ReacPon, poderá ser de rehabilitación de equipamentos, de construción de novas dotacións, de recuperación, mellora, urbanización ou reurbanización de espazos públicos seguindo os parámetros Ágora, pero que como novidade esta vez tamén poderá ser de inversións para o cumprimento da lei de Residuos e solos contaminados para unha economía circular.

Nese sentido, Mosquera salientou esta cuarta liña de axudas para cumprir coa normativa (Lei 7/2022), que esixe a recollida separada e tratamento dos orgánicos. “Temos demanda dos concellos, e a ver como se concreta”, destacou, lembrando que os Concellos Revitaliza xa están avanzados e agora as axudas ábrense aos outros para que dean pasos no cumprimento da normativa.

Segundo as bases do novo Plan, cada gran actuación será financiable ata un máximo de 1 millón de euros e non poderá supoñer máis do 90% do Plan Concellos que recibe o municipio que o presenta. Unha comisión de persoas expertas, “exclusivamente persoal técnico”, avaliará os proxectos que se presenten nos que se terá en conta a madurez do proxecto, a súa contribución a unha economía descarbonizada, a calidade do proxecto e a consecución de obxectivos da Axenda 2030.

Amais, este novo Plan extraordinario para os concellos é unha oportunidade para os fondos europeos Next Generation xa que os recursos da Deputación serán compatibles con outras axudas públicas e privadas e, nomeadamente, cos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno do Estado. Amais, a presidenta explicou que “se os proxectos reciben financiamento europeo nós, dende a Deputación, non imos solicitar devolución senón que vai ser o concello o que se beneficiará destas axudas. Sen embargo se os recursos proveñen doutras administracións, a axuda será proporcionalmente para o concello e a Deputación”.

En canto á tramitación, os concellos poderán presentar o seus proxectos nun prazo de 45 días a contar desde o 7 de marzo cando as bases sexan publicadas unha vez aprobadas no pleno do día 6. Chegará entón a selección das actuacións que se tramitarán co modelo de convenio que se asinará con cada concello unha vez que sexa aprobado polo órgano municipal competente. As actuacións terán un prazo de execución ata o 30 de abril de 2025. “Imos ser máis xenerosas e xenerosos nos prazos, en vista de que o procedemento administrativo é moi complexo” remarcou a presidenta.

“PON2030 tamén destinará recursos a proxectos propios singulares e extraordinarios”

PON2030 tamén destinará recursos a proxectos propios singulares e extraordinarios.
Serán 2,7 millóns de euros. No marco deste ámbito inclúense o cofinanciamento de proxectos europeos en marcha como “Da túa man no rural”, iniciativas de eficiencia enerxética, da Axenda Local 2030, “Vive Rio Minho”, “ESTRAEE”, o Hub de loita contra a fenda dixital, parte do ciclo de auga e para as comunidades enerxéticas.

Tamén se incrementarán os recursos para executar melloras no centro Príncipe Felipe e para a Túa Primeira Experiencia Laboral e a empregabilidade de persoas con discapacidade. Igualmente, enmárcase nesta liña de axudas a musealización da casa de Combarro e o fomento de actividades culturais, turísticas e medioambientais.

PON2030 en Santa Clara
A ambiciosa actuación de recuperación de Santa Clara non se queda fora do Plan Extraordinario, que destina 7 millóns de euros á mellora das edificacións e a súa incorporación ao Museo Provincial. Unha recuperación patrimonial sobre a que César Mosquera sinalou que “é público e notorio o noso compromiso total e absoluto de facer iso canto antes”, subliñando que a Deputación pon sobre a mesa esta “cifra significativa” á espera da colaboración do Estado e da Xunta, de quen se agarda un investimento similar por cada parte para chegar aos 21 millóns de investimento total previsto. “O compromiso é que aínda que a colaboración sexa nula ou escasa a Deputación faga fronte”, insistiu.

PON2030 fronte ás inundacións
O PON2030 tamén inclúe un plan específico e extraordinario para achegar recursos aos concellos de menos de 20.000 habitantes máis afectados polas inundacións que, como explicou o vicepresidente, estará dotado con 2,7 millóns de euros, e xurde para facer fronte “á inacción” da Xunta de Galicia”. Nese sentido, a presidenta recordou que no pasado pleno aprobouse unha moción por unanimidade, cos votos a favor tamén do PP, instando á Xunta a que aprobase a declaración de zona de emerxencia e o decreto de axudas. “Xa pasou un mes e, pese a que non é a nosa competencia, como temos remanentes nós si imos actuar e apoiar aos concellos, xa que moitos deles sufriron grandes perdas”.

A distribución dos recursos aos concellos será variable, segundo o índice pluviométrico rexistrado o 1 de xaneiro de 2023. A través deste plan extraordinario poderán financiarse proxectos de reparación e reconstrución de bens e espazos públicos; de limpeza e reacondicionamento de bens e espazos públicos; de construción de muros de contención, terrapléns ou pedrapléns; de reposición de elementos e mobiliario danados; así como outras actuacións.