Deputación de Pontevedra e Carmela Silva lideran o ránking de transparencia a nivel estatal

De acordo ao último barómetro da plataforma Dyntra

Pontevedra | A Deputación de Pontevedra consolídase entre os gobernos máis transparentes de España, segundo o estudo independente realizado pola plataforma Dyntra, encabezando o ranking estatal. Ademais, a súa presidenta, Carmela Silva, é tamén a líder provincial con maior grao de transparencia entre as e os titulares dos 52 Gobernos provinciais e insulares.

No último barómetro da plataforma, a institución provincial recibe unha puntuación do 90,48% e a presidenta do 94,29%, mellorando as porcentaxes do 2022. O traballo feito pola Deputación e o seu compromiso coa transparencia na busca dunha cidadanía informada queda reflexado na mellora deste ranking, no que consegue situarse por vez primeira no primeiro posto, moi por enriba da nota media dos Gobernos provinciais e insulares, que se sitúa no 59,33%.

En concreto, a Deputación, dando cumprimento total a 171 dos 189 indicadores analizados por Dyntra, sitúase de primeira cunha puntuación do 90,48%, a mesma que reciben as deputacións de Ourense e Granada. En canto a avaliación da transparencia baseada no “DDP” (o índice de Dyntra para deputacións provinciais), acreditouse que a institución provincial alcanzou un 97,3% de transparencia institucional; un 92,21% en servizos e apoio aos municipios; un 90,63% en transparencia económico-financeira; un 86,67% en contratacións de servizos; un 86,49% en acceso á información e publicidade activa e un 68,42% en participación e colaboración cidadá.

No caso de Carmela Silva, cun 94,29% da cumprimento a 33 dos 35 indicadores analizados para elaborar o estudo sobre a transparencia de presidentes e presidentas dos Gobernos provinciais e insulares. Desta maneira, acada un 100% de cumprimento en transparencia sobre o cargo, persoal de confianza, comunicación pública e transparencia económico-financeira. Supón unha mellora con respecto ao ranking do ano pasado cando, se ben tamén ostentaba o liderado do mesmo, a puntuación era de case tres puntos menos, é dicir, un 91,43%. De media, os 52 presidentes e presidentas analizados acadan o 43,62%.

Os indicadores, avaliados por investigadores e investigadoras independentes, poden consultarse no portal web www.dyntra.org. Dyntra é unha plataforma colaborativa que ten como obxectivo medir a información pública de gobernos, administracións públicas, partidos políticos, cargos electos e actores sociais dunha maneira dinámica, eficiente, transparente e aberta.

Os indicadores son avaliados por investigadores independentes e poden ser corroborados pola cidadanía a través do portal web www.dyntra.org. A intención da iniciativa é abrir a información á cidadanía e á sociedade civil ante os novos retos que pon sobre a mesa a actual sociedade da información.