Deputación de Pontevedra aproba 200.000€ para normalización lingüística

En réxime de concorrencia non competitiva

Pontevedra | O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou en rolda de prensa que a Xunta de Goberno da institución provincial acaba de aprobar as bases das subvencións para a creación, o mantemento e o reforzo dos servizos de normalización lingüística. Esta liña, tal e como sinalou o presidente, está dotada de 200.000 euros e vai destinada aos concellos e outras entidades locais da provincia.

Por unha banda, os Concellos de menos de 50.000 habitantes ou agrupacións de concellos, mancomunidades e entidades locais menores poderán recibir un máximo de ata 35.000 euros para a creación dos servizos de normalización lingüística, financiando o 100% do seu orzamento de gastos.

No caso de contar con este servizo, estas mesmas entidades poderanse beneficiar das axudas para o mantemento e reforzo deste servizo cunha contía máxima de 25.000 euros, que non poderá superar o 80% do seu orzamento de gastos. Neste segundo suposto poderanas solicitar sempre e cando no momento da publicación da convocatoria xa conten cun servizo lingüístico en activo, e co obxecto de melloralo contratando máis persoal ou incrementando a xornada laboral do persoal co que xa conten.

As entidades locais interesadas terán un prazo dun mes para solicitalas, a contar a partir do día seguinte ao da publicación das bases desta convocatoria, en réxime de concorrencia non competitiva, no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.

Case 1M € para contratación no Plan +Provincia
A Deputación acaba de aprobar en Xunta de Goberno destinar 950.000 euros para que 5 concellos da provincia impulsen novos investimentos e contraten a 24 persoas ao abeiro da liña 1 de investimentos e da liña 3 de activación de emprego do Plan +Provincia. En concreto, benefícianse destes recursos Baiona, A Estrada, Mondariz, Barro e Cambados.

Con estas novas achegas, como explicou o presidente provincial, Luis López, son xa máis de 14 millóns os aprobados ao longo deste ano ao abeiro deste plan para os concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes. Un “programa de obras e servizos histórico da Deputación” para o que os concellos aínda poden presentar solicitudes ata este xoves 4 de abril.

No caso da liña 3, de activación de emprego, o presidente provincial informou de que se aprobaron 295.000 euros para a contratación de 24 persoas desempregadas nos concellos de Barro e Cambados.

En concreto, Cambados recibirá 200.054 € para contratar 17 traballadores como varredores (6), operarios de mantemento de instalacións (2), limpadores (2), administrativos (2), técnico de medio ambiente e xestión de residuos (1), oficial de residuos (1), oficial de cultura (1), conserxe (1) e laceiro (1).

Pola súa banda, Barro contará con 94.879 € para contratar 7 traballadores que desempeñen os postos de peóns de parques e xardíns (4), peón de transportes (1), condutor (1) e monitor sociocultural (1). No marco da liña 1, de investimentos, a Xunta de Goberno aprobou máis de 650.000 euros para tres concellos: 246.590 € para Baiona, 334.528 € para A Estrada e 73.485 € para Mondariz. Trátase nos tres casos de proxectos financiados ao 100% con fondos da Deputación, grazas a aportacións do Plan +Provincia e doutras liñas provinciais de axudas.

Proxectos financiados ao 100% pola Deputación
Nesta Xunta de Goberno aprobouse destinar case 455.000 euros á Estrada: 334.000 do Plan +Provincia e 120.000 do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, cos que o goberno local poderá financiar o 100% da actuación de mellora das piscinas municipais da vila.

En concreto, rehabilitarase o vaso máis grande, instalaranse accesorios, fontanería e un equipo de depuración da auga, renovaranse o cadro eléctrico e os equipos de tratamento de auga e construirase un local técnico.

No caso de Baiona, tal e como informou o presidente provincial, son 327.000 euros os recursos provinciais aprobados nesta Xunta de Goberno: 246.000 € do +Provincia e 81.000 € do Plan Extraordinario de Infraestruturas Provinciais, cos que o concello poderá sufragar o 100% da reforma do campo de fútbol do Aral. Trátase dunha instalación deportiva que leva 20 anos aberta e precisa reparar os elementos deteriorados, ademais de adaptala ás necesidades dos seus usuarios.

En concreto, reformaranse os vestiarios para xerar catro accesibles, así como renovarase a fontanería e o saneamento. Ademais, repararase a cuberta da grada norte e instalarase unha viseira para reducir os cegamentos e o impactos do vento, ademais de crearse unha cuberta na grada sur. Finalmente, mellorarase a iluminación pasando de catro a oito luminarias e se substituirá o peche perimetral actual.

Por último, Mondariz contará con 475.000 euros que proveñen do Plan PON2030 (máis de 400.000 €) e do Plan +Provincia (73.000 €) para reformar o campo de fútbol da Lagoa na vila. Neste caso a Deputación de Pontevedra tamén sufraga o 100% da obra que permitirá ademais crear unha zona de deportes na zona norte do complexo deportivo, substituír o pavimento, crear novas pistas deportivas, urbanizar a contorna, crear un espazo para aulas deportivas e almacéns e subministrar novos paneis fotovoltaicos.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.